A USC consolida a súa posición no chanzo 501-600 do Ránking de Shanghai

A institución compostelá apuntala o ascenso acadado en 2024 ao manterse por terceiro ano consecutivo no mesmo intervalo

O popularmente coñecido como Ránking de Shanghai volve situar a USC no intervalo 501-600, de entre as mellores universidades do mundo. Este é o terceiro ano consecutivo no que a institución compostelá se mantén nese banzo, logo do ascenso acadado en 2024, cando se pasou do intervalo 601-700 ao actual 501-600. En total, ARWU clasifica anualmente máis de 2.500 universidades e publica a listaxe coas 1.000 mellores.

Shanghai utiliza seis indicadores obxectivos para clasificar as universidades mundiais, incluíndo o número de persoal investigador altamente citado, o número de artigos publicados en revistas de Nature e Science, o número de artigos indexados no Science Citation Index – Expanded e no Social Sciences Citation Index, o rendemento per cápita de cada universidade e o número de ex estudantado e persoal galardoados con Premios Nobel e Medallas Fields.

Clasificación por eidos temáticos

Xa a finais do ano pasado, a edición 2025 do Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), popularmente coñecido como Ránking de Shanghai por materias, destacara a USC nun total de 14 eidos temáticos, sendo Farmacia e Ciencias Farmacéuticas o ámbito máis salientable ao situarse no posto 45 do mundo e primeiro de España. Esta clasificación destacou tamén a Universidade de Santiago de Compostela no chanzo 151-200 en Ciencias Medioambientais e Enxeñaría, Ciencias dos Alimentos e Tecnoloxía, Veterinaria e Odontoloxía.

Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía, Estatística e Ciencias Agrícolas foron as materias da USC que Shanghai situou chanzo 201-300. No intervalo 301-400, ficou Física, Ecoloxía e Psicoloxía; mentres que no banzo 401-500 colocáronse Química e Xestión.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios