Betanzos deu este venres o pistoletazo de saída ás súas festas patronais de San Roque, que enchen xa de música, cultura e tradición as rúas da cidade. O acto oficial tivo lugar esta tarde dende o balcón do Concello co pregón da betanceira Dolores Vázquez e a proclamación de Myrian Arnoso Roca como representante das festas de San Roque 2026.




Dolores Vázquez pronunciou un discurso profundamente emotivo no que reivindicou as súas raíces e o sentimento de pertenza: «Betanzos sempre na miña memoria, sempre no meu corazón», afirmou, tras agradecer á alcaldesa, á Corporación municipal e á veciñanza o privilexio de abrir as celebracións.
Durante a súa intervención, a pregoeira animou a saír á rúa, calzar «zapatos cómodos» e gozar da programación: «Xa están aquí as festas!», proclamou. Vázquez fixo un percorrido polos grandes símbolos da identidade local, dedicando un dos momentos máis entrañables ao Globo de San Roque —que definiron como «betanceirismo puro, voando cara ao universo»— e á xira dos Caneiros. Así mesmo, puxo en valor que o mellor patrimonio de Betanzos é «o grandioso latexo da súa boa xente», agradeceu o traballo silencioso de quen fai posíbel o evento e pechou o acto cun vívido «Viva Betanzos! Viva San Roque!».
A primeira xornada completouse coa actuación de La Banda de Ayer na praza dos Irmáns García Naveira.
Axenda para o sábado 15 de agosto
A programación continúa mañá coas seguintes citas destacadas:
- 18:45 h: Nomeamento da representante infantil, Iris Pena Martínez, e pregón infantil a cargo da moza Carmen Calvo Areosa.
- 19:00 h: LVIII Trofeo San Roque de Fútbol no estadio García Irmáns, que enfrontará ao Betanzos C.F. e ao Silva S.D.
- 23:00 h: Gran verbena na praza dos Irmáns García Naveira coa orquestra Panorama.
Dispositivo especial de tráfico na praza dos Irmáns García Naveira
Co fin de garantir a seguridade e a mobilidade durante os días de maior afluencia, a Policía Local activou un operativo especial que incluirá cortes de circulación na praza dos Irmáns García Naveira nos seguintes horarios:
| Data | Horario do corte de tráfico |
| Veneres 14 de agosto | Dende as 19:00 h ata o remate da actuación nocturna. |
| Sábado 15 de agosto | Dende as 15:00 h e de xeito ininterrompido ata o día seguinte. |
| Domingo 16 de agosto | Durante todo o día e ata o remate da actuación nocturna. |