Comunicado de prensa de Francisco López “Chesqui”, Coordinator Nacional do Partido Galeguista

«Consellos e caldo, a quen os pida…»

Todas aquelas persoas que me coñecen e, por suposto, os meus concidadáns do Grove, saben que levo militando no Partido Galeguista desde o ano 1983. Pódovos asegurar que, nestes 43 anos de militancia activa, teño visto e vivido de todo, puñaladas polas costas, traizóns, intentos varios de usurpación da identidade e das siglas do PG. Pero tampouco é menos certo que, a pesar de todo iso e do tempo transcorrido, o vello barco do PG se mantivo sempre á boia e continuou navegando ata o día de hoxe.

Por iso, nestas datas, máis dun analista político do noso país se ten dirixido a min, en calidade de Coordinador Nacional do Partido Galeguista, para coñecer o meu parecer sobre o anuncio do BNG respecto duns actos co gallo do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, un deles precisamente no Grove, o meu concello. Trátase dunha homenaxe a catro persoeiros que levan moitos anos formando parte importante da historia deste pobo e, por conseguinte, de Galicia: catro persoas, todas elas militantes do Partido Galeguista ata o seu pasamento: Francisco García Moldes, Ramón Arce Villares, Pura Domínguez Devesa e Xacobe Barral Otero. Este último foi o derradeiro alcalde da República no Grove e presidente de honra do PG desde 1984 ata o seu pasamento, en 1996.

Ademais das consideracións particulares que lles trasladei aos meus interlocutores, o contexto e a actualidade impostos polas lembranzas desta histórica xornada, como a deste próximo martes, anímanme a facer pública algunha outra consideración xeral.

Quero, en primeiro lugar, puntualizar que o Partido Galeguista nada ten que ver con esta convocatoria do BNG. Antes ben, debo recoñecer a miña sorpresa pola iniciativa, aínda que, como xa lles dixen, cousas así téñoas vivido abondo ao longo da miña tamén longa actividade política a prol do galeguismo, sen que tampouco se esgote a miña capacidade de asombro ante os repetidos intentos duns e doutros por acaparar protagonismo a conta de «raposear en currais alleos».

Porque considero que a cidadanía ten dereito a saber quen é cada quen e a coñecer a verdade do marco histórico no que os nosos devanceiros desenvolveron o seu compromiso con Galicia. E debo dicir que non deixa de me producir certa satisfacción este recoñecemento tardío do BNG, depois de décadas da súa existencia, a estes e outros esgrevios militantes do Partido Galeguista ao longo do país; neste caso, a políticos «groveiros e mecos» que todos lembramos pola súa entrega meirande ao servizo dos veciños e de Galicia.

Digo máis: xa era hora de que o Bloque mecomezase a recoñecer a tantos ilustres galeguistas que tiña silenciados por seren militantes do Partido Galeguista, como son os que ilustran o cartaz anunciador do «In Memoriam» do día 18.

Agardo que esta sorprendente emenda ao monolitismo que vén protagonizando o cumio «upegaio» do Bloque se traduza, a partir de agora, nun compromiso coherente, recoñecendo «dunha vez por todas» o modelo transversal do Partido Galeguista.

Porque, se non fose así, me inclinaríae a pensar que estas insospeitadas homenaxes a galeguistas históricos por distintos lugares do país teñen máis que ver con efectos especiais ou trampas raposeiras e obedecen ao puro oportunismo.

Veremos, entón, se ese compromiso se traduce en recoñecer «o modelo Partido Galeguista» para os tempos actuais. Pois xa nolo ensina o vello refrán galego: «Consellos e caldo, a quen os pida…»

Saúde e Terra!

Francisco López «Chesqui»

Fotografía: Manuel Xesús Suárez, presidenmte do PG e Francisco López «Chesqui» Coordinador Nacional do PG

Comparte éste artículo
No hay comentarios