O BNG celebrará este martes 18 de agosto a súa tradicional homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo por defender a identidade e a liberdade do país. Co gallo do Día da Galiza Mártir, a formación elixiu este ano ilustrar o seu cartaz coa memoria de catro militantes do Partido Galeguista no Grove e membros da súa dirección local: Xacobe Barral Otero, Ramón Arce Millares, Pura Rodríguez Devesa e Francisco García Moldes.
O acto político e de memoria histórica busca visibilizar e honrar a quen sufriron a represión en distintas formas, condenadas, encarceradas, exiliadas ou asasinadas, por defender a causa galeguista. Dende a organización destacan a necesidade de manter vivo o legado dos quen deron a vida e a liberdade para construír un país soberano.
Acto público na Praza de Arriba
A convocatoria terá lugar ás 19:30 horas na Praza de Arriba do Grove e contará coas intervencións de Anselmo Noia, a deputada Olalla Rodil e David Otero, quen afondarán no significado do 17 de agosto e na relevancia do compromiso político e social das figuras homenaxeadas.
Xacobe Barral Otero. Mestre. Dirixente do Partido Galeguista. Foi o derradeiro alcalde republicano do Grove. Detido, xulgado e condenado a pena de morte, conmutada por cadea perpetua. Estivo preso en San Simón e no Monte Ezkaba, en Iruña. Nunca pudo volver á carreira docente da que foi afastado polo franquismo. Traballou nas minas de Río Tinto en Huelva e na empresa de augas de Mondariz. Non tivo fillos recoñecidos.
Ramón Arce Millares, deportista e adestrador de fútbol. Era zapateiro. Foi dirixente do Partido Galeguista do Grove. Detido, encarcerado en San Simón, xulgado e condenado a 15 anos de prisión. Preso no cárcere provincial. Pai de Moncho Arce, Moncho Lixeiro, e avó de Loli e Carmela Arce.
Pura Rodríguez Devesa, mestra e dirixente local do Partido Galeguista. Activista cultural, actriz e cantante amadora. Moi activa no labor de convencer ás mulleres para que se comprometesen na causa política nacionalista. Foi obrigada a abandonar a súa escola da Tafona, remata exiliándose en Bós Aires, logo de ter agochado na casa ao que logo será o seu esposo, o tamén galeguista e militar da Armada, Xosé María Goday Camaño (irmán do pintor Ernesto Goday) que non se sumara á sublevación militar fascista. Xuntos, en Arxentina, serán activos directivos da entidade Unión de Fillos do Grove. Tía dos irmáns Escalante Rodríguez.
Francisco García Moldes. Mestre e dirixente do Partido Galeguista, moi próximo do segredario xeral, Alexandre Bóveda. Foi asasinado por un falanxista e un Garda civil, con disparos de pistola mentres tomaba un café. Intelixente e activo, non abandonou a loita política nos anos posteriores a guerra, militando na clandestinidade e organizando a Agrupación Cultural Minerva. Tío dos irmáns García Besada, Mascato García, García Vilela, García Romero e Fuentes García.