Marcos Rodríguez Pantoja naceu o 7 de xuño do 1946 en Añora (Córdoba) e finou o 15 de agosto do 2026 en Rante (Ourense).
A historia de Marcos é por todos coñecida: a morte da nai, o maltrato da madrasta, a venda a un terratenente que o entregou a un pastor que coidaba dun rabaño de cabras en Serra Morena e, dende os 7 aos 19 anos, viviu no monte sen contacto cos humanos. En inglés chámanlles «feral children», cativos que quedan abandonados na natureza. En xeral foron poucos e viviron moi pouco tempo, entre eles sempre sobresaen trazos comúns: marxinación, abandono, abusos, atrasos… aínda que todos quixeron voltar á natureza onde realmente se senten ceibes e comprendidos. Marcos nunca o intentou aínda que sempre nos lembraba que, onde realmente se sentiu feliz, foi coa súa familia de lobos choutando ceibe pola súa serra. Foi un caso único, xa que despois de tanta marxinación, adaptouse e sobreviviu grazas á súa intelixencia e á sorte de atopar uns poucos humanos en momentos trascendentais da súa vida.
Adoptado, protexido e aloumiñado por un manda de lobos, aprendeu a vivir e convivir coa natureza. «Yo en la naturaleza fui feliz, a mí los animales nunca me fallaron, pero los humanos… Los humanos me engañaron, me maltrataron, me ignoraron… ¿Cómo es posible que unos seres vivos envenenen la tierra que habitan, como pueden matar a otros seres vivos por placer? ¿Por qué quieren exterminar a parte de mi familia si los lobos somos unos pocos cientos entre millones de personas? No lo entiendo, siento mucha amargura y una profunda tristeza».
Tirado nas rúas de Fuengirola Marcos contaba a súa historia polas tabernas a quen a quería escoitar: a infancia roubada, o maltrato, a venda a un señorito, a acollida dunha familia de lobos que o coidara e protexera logo da morte do cabreiro… Manuel, que pasaba tempadas pola Costa do Sol, escoitou ao Marcos e convidouno a vir para Galicia onde tería casa, comida e un amigo. Na viaxe cara o noroeste pasando por Sanabria Marcos viu cara poñente algunhas nubes e despediuse do sol: «¡Adiós Sol, adiós! Nunca más te volveré a ver». De Galicia contáranlle que o ceo era sempre gris e non deixaba de chover.
Nas conversas con Marcos sempre deixaba clara a diferencia entre os humanos e os animais: «Yo podía haberme puesto a pegar tiros. Tengo motivos por todo lo que me han hecho. Hay gente humana que mata sin motivo, por gilipolleces, por placer. Nosotros los animales en la naturaleza solo matábamos para comer. No entiendo a los humanos».
Cando o cazaron en Serra Morena foi un ouveo con forza e moita rabia, precisaba axuda, mais pouco podía facer a súa familia de acollida diante da forza bruta dos homes. Nos seus derradeiros días no Hospital de Piñor cando precisaba algo ouveaba moi baixiño para non molestar ao resto dos doentes. Na contorna de Piñor están os montes de Cova do Lobo e seica nesas noites escoitouse un «lobo estepario» contestarlle ao Marcos. Auuuuuuuu.
En Rante (San Cibrao das Viñas) atopou o seu lugar de respecto e descanso, unha aldea que o acolleu, protexeu e coidou con moito agarimo. Marcos integrouse na comunidade e formou parte da familia que nunca antes tivera: «Aquí está mi familia, aquí he vivido y aquí quiero quedarme. He venido del infierno a la gloria, tengo mi casita, entro y salgo cuando quiero…».
Comunidade e familia despedímolo na tardiña do 16 de agosto. Como ben dixo o seu amigo «Cañón»: «O Marcos fica connosco para sempre».
Marcos, que a terra che sexa leve!