A política en Lugo o… ¿a necesidade de crear espazos e noticias?

Semeja sorprendente, tanto para propios como para curiosos, esa necesidade case compulsiva de xeración continua de titular no panorama político lucense. O último episodio é a petición duns plenos extraordinarios en pleno agosto, mes sagrado onde as moscas descansan e os políticos adoitaban facelo, para que, tras o cambio de goberno, se proceda a pagar agora o que non foron capaces de pagar os que estaban antes no sitio.

O outro gran comodín do debate é o eterno posible Museo da Romanización. Cabe preguntarse, con certa sorna, para que demo queren os lucenses un Museo da Romanización. Conste que a pregunta non é menor, sobre todo cando xa contamos cun MIHL que languidece a trancas e barrancas, pedindo auxilio a berros e sen apenas contido que ofrecer. Pero claro, que importa a utilidade cando o fundamental é ter un proxecto pantasma ao que botarlle flores ou guizos segundo se estea dun lado ou doutro da bancada.

Resulta cando menos chamativo que os partidos políticos que hoxe integran a oposición teñan agora unha presenza moito máis hiperactiva nos medios e nas redes sociais da que amosaban cando tiñan o mando na praza. Agarrados á pancarta, disparan a todo o que se move contra o novo Executivo local, aínda que, polo de agora, todo semella responder máis a impulsos sen ningún tipo de formulación nin organización táctica. Veremos se a entrada do mes de setembro trae consigo un rumbo máis orientado ou se continúan nesta dinámica de ocupación de espazo porque sí.

Pola banda do goberno municipal, a rexedora Elena Candia despréganse nun intento constante por ter presenza en todas e cada unha das áreas de xestión. Conveñamos que deu xa varios avances interesantes para a cidade, arranxou diversos pufos e problemas que viñan de vello, ten outros cantos encarrilados e mantén uns cantos máis en fase de estudo. Iso si, a día de hoxe parece que é a única da corporación actual con capacidade para despregar un perfil político nítido.

Setembro está aí ao virar da esquina. Será entón cando vexamos se a partida comeza a xogarse con cartas de verdade ou se a política lucense segue prefirindo o artificio da ladaíña e a foto de galería.

Comparte éste artículo
No hay comentarios