Ameijide censura “o sectarismo” de PSOE e BNG toda vez que cre que “o goberno provincial toma as súas decisións mirando unicamente a cor política que goberna en cada municipio sen ter en conta as necesidades reais dos veciños e veciñas da provincia” de forma que “diferencian entre lucenses de primeira e lucenses de segunda”.
O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, condena o “grave incumprimento do goberno de PSOE e BNG con todos os veciños e veciñas de Folgoso do Courel aos que lle negan a residencia de maiores comprometida pola Deputación de Lugo. PSOE e BNG abandonan aos veciños e veciñas de Folgoso do Courel”, incide.
O popular lembra que “o prazo máximo legal para a construción e entrega das obras do centro de atención a maiores expirou o pasado mes de xullo sen que a Deputación de Lugo iniciara o procedemento para a contratación das obras, a pesar de que o Concello cumprira coas súas obrigas no tempo máis breve posible”.
Tras formalizarse a reversión do inmoble que acollía o antigo colexio e a súa parcela cedidos polo Concello á Deputación para a construción da residencia de maiores, “eses terreos volven ser propiedade municipal” toda vez que “o goberno provincial non cumpriu no prazo establecido coa finalidade do convenio de colaboración asinado no 2018, que era a construción e entrega das obras”.
Ameijide subliña que “mentres a alcaldesa e o goberno local puxeron todo o que estaba nas súas mans, poñendo a disposición da Deputación de Lugo os terreos no 2019 e concedendo a licenza municipal a comezos do 2022 -no menor prazo posible despois de que o goberno provincial corrixira o proxecto presentado inicialmente con numerosas deficiencias-; o goberno provincial de PSOE e BNG paralizou o procedemento -chegando incluso a non responder á alcaldesa- deixando aos veciños sen unha dotación demandada e para a que había un acordo formal asinado. Pero aínda así, incumpriron”, subliña. Pola contra, “o goberno local está a defender os intereses dos veciños e veciñas reclamando o que lle corresponde atendendo ao texto asinado”.
“Coa recuperación dos terreos, o Concello ten a oportunidade de dar novos pasos para poñer en valor o inmoble e ofrecer servizos aos veciños e veciñas de Folgoso do Courel”, engade o popular. O portavoz provincial agarda tamén que, “despois de que PSOE e BNG deixaran tirados aos veciños e veciñas, o goberno local sexa capaz de reactivar un proxecto importante para o municipio”.
REIVINDICACIÓNS DO PP E NEGATIVAS DO PSOE E DO BNG
Antonio Ameijide lembra que “foron moitas as ocasións nas que o Grupo Provincial Popular reivindicou a construción da residencia de Folgoso do Courel e, incluso, pediu explicacións reiteradas veces ao goberno de PSOE e BNG ante o Pleno pola parálise do proxecto”.
A última, no Pleno da Deputación de xaneiro deste ano 2026 á vista de que “a uns meses de rematar o prazo legal para construír e entregar a residencia, aínda non iniciaran os trámites”.
Anteriormente, en abril do 2025, o goberno de PSOE e BNG votaran en contra dunha iniciativa do Partido Popular para instar á Deputación a impulsar a construción do centro de atención a maiores. “Xa daquela vimos como deron as costas aos veciños e veciñas de Folgoso do Courel”, incide.
SECTARISMO POLÍTICO
Ameijide censura tamén “o sectarismo” de PSOE e BNG toda vez que cre que “o goberno provincial toma as súas decisións mirando unicamente a cor política que goberna en cada municipio sen ter en conta as necesidades reais dos veciños e veciñas da provincia” de forma que “diferencian entre lucenses de primeira e lucenses de segunda”.
“O sectarismo político é a única explicación para que o goberno da Deputación tivera o proxecto da residencia de Folgoso do Courel paralizado porque noutros municipios con alcaldes do PSOE si se avanzou nos procedemento, a pesar de que a tramitación ía moito máis atrasada”, explica.
Nese sentido, o popular reivindica “igualdade de trato para todos os municipios e todos os lucenses” o que implica “avances reais para cumprir todos os compromisos adquiridos en relación á construción das residencias de maiores na provincia”.
CRONOLOXÍA DA RESIDENCIA DE MAIORES
- Ano 2015: inicio das conversas para a creación do convenio interadministrativo entre o Concello de Folgoso do Courel e a Deputación de Lugo.
- Ano 2018: sinatura do convenio interadministrativo, que posteriormente tivo que prorrogarse en dúas ocasións. O convenio contempla que o investimento necesario era de 1.400.000€, dos cales a Deputación aportará 1.200.000€ e se encargará, entre outros cometidos, de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos precisos, correspondendo ao Concello de Folgoso do Courel achegar 200.000€ e, entre outros, aportar os terreos necesarios para a construción da residencia e o centro de día
- 11 de decembro de 2019: solicitude de prórroga do convenio xa que remataba a finais dese ano, Asinouse a prórroga da addenda ao convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel para a execución dos fins comúns consistentes na construción de residencia e centro de día da terceira idade, aprobada anteriormente na xunta de goberno do 23 de xaneiro do 2018 e rectificada na xunta de goberno provincial do 23 de xaneiro do 2020, ampliando ata o 31 de decembro do 2021.
- 18 de xuño de 2020: a alcaldesa de Folgoso do Courel mantivo unha reunión co presidente da Deputación para tratar, entre outros temas, a construción da residencia, manifestando José Tomé “o seu total compromiso, tal e como se constata na addenda ao convenio de seguir adiante coa tramitación para sacar a construción da residencia adiante”.
- Finais de 2021: sinatura da segunda addenda de prórroga, tendo como data límite para a construción da residencia o mes de xullo de 2026.
- 13 de xaneiro de 2022: o Concello de Folgoso do Courel concede a licenza municipal para a construción da residencia e centro de atención a maiores.