O Boiro foi o primeiro equipo capaz de derrotar ao Antela no fútbol estatal. Derrotouno na Moreira, onde o cadro de Xinzo de Limia creou un fortín inexpugnable no que se mantivo 40 partidos sen ser derrotados, que foi unha circunstancia decisiva no seu ascenso meteórico desde Primeira Futgal a Terceira Federación e que de non ser por un afortunado gol de Yosi antes do cuarto de hora, podería levalo á final da fase galega da Copa RFEF. Será o Boiro quen acompañe ao Bergantiños, que dous días antes derrotara ao Racing Villalbés na Madalena. Carballeses e barbanzáns chegan á segunda final e na próxima fin de semana un deles gañará o seu segundo título.
Afortunado gol de Yosi
A segunda semifinal da fase galega da Copa RFEF comezou sen un dominador claro e baixo un forte calor. O Boiro, que xogaba o primeiro partido oficial da temporada logo da retirada do Portonovo en cuartos de final, tivo algo máis a pelota no comezo, pero o Antela non se deixou manexar. O cadro de Xinzo tivo a primeira ocasión cando ían unha ducia de minutos xogados. Pucho, o heroe dos cuartos de final polo seu gol ao Ourense CF, colocou un centro desde a banda ao que Carlos González non chegou por pouco. Uns centímetros mudaron todo porque na seguinte acción, no primeiro ataque sólido do Boiro, a pelota chegou a Yosi, que probou o seu bo disparo desde a frontal, a pelota foi desviada por Boán cando Bruno Pio xa se lanzara cara á súa esquerda e a pelota entrou pola dereita.
José Tizón, que no seu periplo co Choco fora o último técnico visitante que gañara na Moreira no derradeiro partido da liga 2023/24, tras o que o Antela baixaría a Primeira Futgal, comezaba a dar os primeiros pasos para que coa súa segunda visita á Moreira como primeiro técnico dun rival do Antela, os branco e negros puxeran fin á xeira de 40 partidos sen perder.
O partido perdeu forza nas áreas, recuperada cando faltaba pouco para o descanso. No minuto 39, tras recibir un saque de esquina no bico da área, Yosi tentou de novo o xute, pero aínda que tamén foi desviado, desta vez por Peruzzo, a pelota non foi a porta malia que pasou perto da escuadra.
Pouco despois, Sandro tivo a mellor ocasión para empatar. Aproveitouse do desmarque na área para recibir desde o recanto, conseguiu xutar procurando a base do primeiro pau, pero Álex Vila meteu ben o pé e afastou o perigo.
No prolongamento tamén puido o Boiro tomar máis vantaxe se Iago baixara máis a súa cabezada logo dun centro medido de Juampa.
O saber estar do Boiro
A idea de que “isto é A Moreira”, e do mito creado como lugar inexpugnable nas últimas dúas temporadas, creaba esperanza de virada no bando local. Na primeira eliminatoria viraran o resultado que o eliminaba cara ao final e a súa capacidade de aproveitar os partidos até o derradeiro instante tamén lles axudou a superar a un equipo de superior categoría como o Ourense CF.
Bruno Gómez introducira dúas modificacións e unha delas, Mauro, tivo a capacidade de controlar sen perder a vantaxe dun balón tras un bote na herba seca, adentrarse na área e ceder coa planta da bota o coiro a Carlos, que non foi quen de axeitar a rosca para poñer en apretos a Borja, que substituíra a Álex Vila entre os paus visitantes.
O Boiro, ben posicionado, non deixaba que Iñaki ou Carlos organizaran con solvencia ao seu equipo. No minuto 56, a Insua faltoulle algún recurso logo de alcanzar un pase profundo. Encarou a Bruno Pio, pero o meta flaviense desbaratou a ocasión.
Os bancos aumentaron o protagonismo ao refrescárense so equipos con novos xogadores. Nos locais, Bruno Gómez tirou da esperanza de Negrete, que se lesionara no medio de semana no amigable contra o Barbadás. O colombiano tentouno varias veces usando a súa velocidade a a capacidade de progresar co balón pegado ao pé, pero acabou resentíndose e deixou o encontro a dous minutos do remate. Antes, estivo as piques de deixar o seu selo de home decisivo nunha cabeceada na perpendicular ao primeiro pau despois dun centro de Mauro. A pelota saíu desviada cando se cumpría o minuto 70.
Juanma, outro dos incorporados, neste caso no Boiro, tamén gozou da ocasión aos 76 minutos, pero a cabezada ao centro de Yosi acabou entre as luvas de Bruno Pio.
O partido prolongouse oito minutos. A un do remate, os locais reclamaron penalti por unha caída de Mauro na área boirense.
O remate acabou con polémica porque o colexiado non permitiu que o Antela executase o derradeiro saque de esquina alegando que xa se cumprira o prolongamento. O técnico local e Tiago Teixeira, que fora substituído, acabaron ollando o vermello directo co partido rematado.
Ao final, José Tizón converteuse no terror da Moreira. Na súa primeira visita venceu 3-4 co Choco e acaba de fechar unha espectacular xeira ao Antela, que pasara os 40 partidos anteriores ao regreso a Xinzo de técnico de Vigo sen perder na casa.
Dous finalistas que acabaron gañando
A final da Copa RFEF terá lugar nun campo neutral, especulábase con Vista Alegre, en Ordes, na próxima fin de semana. Bergantiños, que a gañou no 2018 ao Ribadumia cun 2-2 e 3-2 nos penaltis), e Boiro, que fixo o mesmo na de 2014 cun 3-0 sobre o Coruxo, sucederán ao Ourense CF, que na pasada campaña, logo de gañar o título galego foi quen de facerse tamén co estatal.
Quen gañe estará na fase española da competición loitando por gañar e sabendo que, de superar os cuartos de final (tres eliminatorias), tamén se clasificaría para a Copa de España tendo garantido na casa calquera rival da Primeira División, agás os catro que participarán na Supercopa de España.
Ficha
DOMINGO 16/08/2026 (18,00) Campo: A MOREIRA (516)
ANTELA F.C. : 0 – C.D. BOIRO : 1 (0-1)
ANT : Bruno Pio; Pucho (Gallego 79’), Gastón (Xabi Lamas 88’), Boán, Tiago Teixeira [(Negrete 64’) (Pedro Castro 88’)]; Carlos, Peruzzo, Iñaki, Sandro (Mauro D), Carlos González (Couto D); Tumbeiro (Cole 79’). Tre. Bruno Gómez. (Banco: Iago Salgado (g); Lucas).
BOI : Álex Vila (Borja D); Yosi, Ozores (Parada 75’), Iago, Aarón Martínez (Mateo 83’); Insua (Peque 61’), Diego, Landeira, Mario Romero, Juampa (Bruno 75’); Cambón (Juanma 61’). Tre. José Tizón.
Goles: 0-1 Yosi 14’.
Árbitro: González Rey (Galiza-Ourense). Auxiliares: González Castelao e Añel Fernández.
Disciplina: CA: Sandro 17’; Iago 29’; Cambón 31’; Tiago Teixeira 55’; Mario Romero 76’; Pedro Castro 90’; Carlos F // VD; Tiago Teixeira (sus, ANT) F; Bruno Gómez (tre. ANT) F.
Foto; Tumbeiro afastado da área baixo a marcaxe de Mario Romero. © 21noticias.com