O Galician Freaky Film Festival abre a convocatoria para que bares e restaurantes de Vigo creen unha tapa inspirada nunha película fantástica ou de terror.
O Galician Freaky Film Festival volve levar o espírito freak ás mesas de Vigo coa segunda edición do Roteiro de Tapas Fantásticas, un concurso gastronómico que conecta o cinema fantástico coa creatividade culinaria dos hostaleiros da cidade.
A convocatoria está aberta para que bares e restaurantes vigueses creen unha tapa orixinal inspirada nunha película de xénero fantástico, terror, ciencia ficción ou freak. O festival anima especialmente a experimentar con ingredientes e presentacións inusuais que evoquen o espírito freak da cita. A inscrición é gratuíta e pode realizarse ata o 1 de setembro a través deste formulario.
O GFFF dará a coñecer o 3 de setembro os dez establecementos seleccionados, atendendo a criterios como a orixinalidade, o uso de produtos de proximidade e a promoción da gastronomía galega.
As tapas ofreceranse do 10 ao 25 de setembro, cun prezo máximo de 5 euros, e cada establecemento poderá fixar os seus propios horarios. A tapa gañadora será escollida polo público e será recoñecida como Olimpo Gastronómico dos Freaks 2026 á Mellor Tapa Fantástica. O establecemento vencedor recibirá 100 euros, un certificado conmemorativo e promoción posterior por parte do festival.
Ademais, entre as persoas que degusten as tapas sortearanse unha cea para dúas persoas no local gañador e entradas para a clausura do GFFF, o 26 de setembro coa proxección de Big Trouble in Little China.
X EDITION: CELEBRANDO UNHA DÉCADA DE FREAKISMO
O Galician Freaky Film Festival afonda na esencia máis freaky do cine, celebrando a cultura audiovisual máis alternativa e de culto. O festival internacional de cine fantástico e freak de Vigo ofrece unha coidadísima selección de curtametraxes, traendo estreas absolutas en Galicia. Ademais é o festival é único no mundo por subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego. A décima edición do festival celébrase do 17 ao 26 de setembro en Vigo.
O seu ambiente único fai que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para vivilo en primeira persoa. A recente incorporación á prestixiosa Federación Méliés, así como o respaldo de máis de 4.000 asistentes na súa última edición de 2025, consolidan ao GFFF como unha cita obrigatoria para os amantes do cine fantástico e alternativo en todo o mundo.