O BNG de Becerreá reclama unha planificación das obras da A-6 que evite converter a montaña nun funil de tráfico

Martín Gómez: “As obras son necesarias, pero non é razoábel cortar 50 quilómetros dunha autovía en pleno agosto e trasladar todo o tráfico á N-6 sen prever as consecuencias”.

O BNG de Becerreá reclama ao Ministerio de Transportes unha revisión da planificación das obras de rehabilitación do firme da A-6 ao seu paso pola montaña lucense para evitar que os desvíos masivos cara á N-6 continúen provocando importantes retencións e prexuízos á veciñanza, ás persoas usuarias da vía e ao transporte de mercadorías.


O voceiro municipal do BNG, Martín Gómez, considera necesario diferenciar entre a necesidade das obras e a maneira na que se están executando. “Ninguén discute que a A-6 precisa actuacións de mantemento e que hai que renovar un firme que levaba tempo necesitando melloras. O que non parece razoábel é cortar arredor de 50 quilómetros dunha autovía en pleno agosto e trasladar practicamente todo ese tráfico á N-6 sen prever suficientemente as consecuencias”, afirmou.


Os desvíos están obrigando a canalizar pola estrada nacional un importante volume de vehículos nun período de máxima intensidade circulatoria, coincidindo coas operacións de saída e retorno do verán. Esta situación provocou retencións quilométricas e demoras que, nos momentos de maior tráfico, superaron a hora.


Para o BNG, estes problemas evidencian a necesidade de mellorar a planificación e a coordinación cos concellos da montaña, especialmente cando se acometen actuacións nunha infraestrutura estratéxica como a A-6 e as alternativas dispoñíbeis pasan por estradas que atravesan directamente núcleos de poboación.


“Becerreá e o resto da montaña non poden converterse no funil polo que se fai pasar todo o tráfico da A-6 cada vez que hai unha incidencia ou unhas obras. Se se sabía que os traballos ían coincidir cun dos períodos de maior circulación do ano, había que deseñar un dispositivo capaz de reducir ao máximo as afeccións”, sinalou Martín Gómez.


O voceiro nacionalista reclamou tamén unha información máis clara e anticipada aos concellos afectados, tanto sobre a duración dos cortes como sobre os cambios que se produzan no dispositivo inicialmente previsto. “Os concellos son os primeiros que teñen que afrontar as consecuencias destes desvíos e non poden coñecer as modificacións cando xa están os vehículos colapsando as estradas. Ten que existir coordinación institucional e información suficiente para poder anticiparse aos problemas”, explicou.


O BNG considera que o Ministerio debe estudar fórmulas que permitan compatibilizar a execución das obras coa mobilidade, analizando a posibilidade de actuar mediante cortes de menor extensión, reforzar a sinalización e os dispositivos de regulación do tráfico e evitar, sempre que tecnicamente sexa posíbel, concentrar as maiores afeccións nas datas de maior intensidade circulatoria.

“Estamos falando da principal conexión viaria de Galiza coa Meseta e dunha infraestrutura esencial tamén para a economía galega. Cada hora que un camión permanece atrapado nunha retención ten un custo. Por iso as obras teñen que facerse, pero tamén teñen que estar ben organizadas”, subliñou Gómez.

Comparte éste artículo
No hay comentarios