O BNG defende un San Froilán 2026 «amplo e con actividades gratuítas»

 Maite Ferreiro, representante do BNG na Comisión de Festas, trasladou ao goberno municipal a súa aposta por un San Froilán 2026 «de carácter popular, aberto e gratuíto» na segunda xuntanza deste órgano municipal. A edil achegou a proposta emitida pola asociación galego cubana Xuntos por Cuba, e afirmou que a actuación de Silvio Rodríguez en Lugo «sería un fito histórico para o San Froilán e un recoñecemento á forte vinculación cultural entre Galiza e Cuba», dixo Ferreiro. A formación nacionalista considera que un concerto deste calibre atraería a numeroso público, reforzaría o prestixio das festas e encaixa plenamente «nun programa que debe combinar grandes nomes internacionais coa presenza de artistas e colectivos locais».

O BNG preguntou ao goberno polas infraestruturas das festas, despois de que na xornada de hoxe se celebraran as primeiras mesas de contratación para licitar os escenarios e a loxística. O BNG afirmou que, malia estar en marcha estes trámites, o goberno municipal segue sen ofrecer respostas claras a como a presencia ou non de escenario na praza da Mosqueira ou a presencia de agrupacións locais «que nos últimos anos foron os grandes protagonistas das festas». Segundo o proxecto licitado, non se contempla a contratación dun escenario na Mosqueira, o que confirmaría a desaparición deste espazo tradicionalmente dedicado á música local.

O BNG insiste en que as veciñas e veciños de Lugo teñen dereito a coñecer con antelación as condicións nas que se van desenvolver as festas patronais, especialmente en aspectos que afectan directamente á cultura local e ao acceso gratuíto á programación. O BNG reclama ao goberno municipal que concrete canto antes como van ser as festas e se o San Froilán 2026 será un referente cultural, que poña en valor a música galega e que abra as portas a propostas de alto nivel escoitando as distintas propostas do tecido cultural e asociativo da cidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios