Os traballos da institución provincial na LU-P-1901, onde leva investido preto de 800.000€, avanzan nun novo treito concretamente, o que vai do punto quilométrico 6,430 ao 9,537.
A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana o acondicionamento nun novo tramo da estrada provincial LU-P-1901, a vía que conecta os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna. Este proxecto, que conta cun investimento de 297.427,07 euros, servirá para rehabilitar un tramo de algo máis de tres quilómetros, concretamente o treito que vai do punto quilométrico 6,430 ao 9,537.
Os traballos, que está a realizar a empresa Cholo SL e contan cun prazo de execución de catro meses, inclúen a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. O obxectivo é incrementar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación nunha estrada moi empregada polos veciños da Montaña lucense.
Esta actuación dá continuidade a outros proxectos executados pola institución provincial nesta mesma estrada, como a mellora do treito entre Santiso e Santa María da Fonsagrada e o acondicionamento doutros dous tramos: un entre Cereixido e Santiso e outro entre Queizán e Pin, en Navia de Suarna -estas últimas obras atópanse xa na última fase de execución-. En total, a Deputación leva investidos 780.495,36 euros na mellora desta estrada.