A Deputación de Lugo adxudica por máis de 500.000€ novas obras para mellorar tres estradas provinciais en Burela e Paradela

As actuacións permitirán renovar catro quilómetros da LU-P-4201 entre Pacios e Mosteirovello; e acondicionar dous tramos da LU-P-1510, entre San Cibrao e Burela pola costa, e a LU-P-1502, que comunica con Ferreira de Valadouro por Vilaestrofe.

A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación de dous proxectos para mellorar tres estradas da rede viaria provincial, ao seu paso polos concellos de Burela e Paradela, cun investimento conxunto de máis de medio millón de euros. Así o anunciou a Presidenta Carmela López na rolda de prensa posterior á reunión semanal que tivo lugar no Pazo de San Marcos. 

 “Se hai algo que define a nosa maneira de facer Goberno é que as nosas prioridades non se quedan nas palabras, senón que se traducen en feitos, e semana tras semana estamos a demostralo con investimentos reais, actuacións concretas e respostas ás necesidades dos nosos veciños e veciñas”, sinalou Carmela López.

No concello de Burela a Deputación adxudicou á empresa ECOASFALT SA os traballos de mellora da LU-P-1510, que é a estrada que conecta San Cibrao e Burela pola Marosa; e a LU-P-1502, que é a vía que vai de Burela a Ferreira do Valadouro. No primeiro caso, as obras afectarán ao tramo desde o límite municipal coa Avenida da Mariña –desde o punto quilométrico 6,16 ao 9,3- e no segundo, desde a Casa da Garda Civil ata o cemiterio municipal, desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,89. 

Os traballos contarán cun orzamento conxunto de 260.000€ para a reapertura e revestido das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e mellora da sinalización. O prazo de execución será de catro meses desde o inicio das obras.

A Presidenta e tamén Alcaldesa de Burela puxo de relevancia a actuación nestas estradas para o municipio mariñá, subliñando que “estamos a falar de dúas estradas fundamentais para Burela e para toda A Mariña”. Fixo especial fincapé López na estrada da Costa, que dá acceso á praia da Marosa e ao seu campo de fútbol. “Unhas instalacións deportivas, que por certo, imos  renovar integralmente cun investimento conxunto de 800.000€ entre Concello e Deputación”, esgrimiu.

Por outra banda, en Paradela, detallou a mandataria provincial a Xunta de Goberno contratou a CONSTRUCCIONES Y OBRAS TABOADA RAMOS SLU os traballos para executar a renovación da estrada provincial LU-P-4201, entre Pacios e Mosteirovello. A actuación contará cun investimento de practicamente 246.000 euros e permitirá mellorar preto de catro quilómetros desta vía. Os traballos contemplan a renovación do firme, a mellora das cunetas e a reposición da sinalización. 

O proxecto inclúe ademais a creación dun paso elevado á altura do CEIP de San Miguel, co obxectivo de reforzar a seguridade do tráfico nun punto especialmente sensible pola presenza de escolares. O prazo de execución previsto será tamén de catro meses.

Dez novas prazas na Granxa Gayoso

A Xunta de Goberno aprobou tamén a convocatoria e as bases para cubrir dez prazas na Granxa Gayoso, situada en Castro de Rei, mediante o sistema de concurso-oposición. En concreto, convocaranse sete prazas de auxiliar e outras tres prazas de peón, co obxectivo de reforzar os recursos humanos deste centro da Deputación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios