O festival, organizado polo Concello, segue crecendo en cifras de visitas, en espazos de exposicións e en colaboracións con entidades.
O festival Viñetas desde o Atlántico, organizado polo Concello, pechou a súa semana central de actividades, do 10 ao 16 de agosto, cun grande éxito de público. Máis de 100.000 persoas pasaron ao longo da semana pola Rúa BD e varias decenas de miles ateigaron os diferentes recintos habitados polas exposicións. Outro dos grandes focos de atención foi a explanada de Palexco na que se situaba o stand de Gundam, por ela pasaron arredor de 90.000 persoas nestes sete días. O apoio municipal a este tipo de festivales e eventos forma parte da política de dinamización cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey para ofrecer á cidadanía unha oferta ampla e de calidade.
«Viñetas desde o Atlántico é toda unha referencia no seu xénero en todo o país, porque combina divulgación, cultura e moitísimo talento aportado pola ampla nómina de artistas que colaboran. O Concello vai seguir apoiando con decisión todas as iniciativas que sirvan para dinamizar a vida cultural desta cidade», apuntou a alcaldesa, Inés Rey.
O recinto que acumulou máis visitas foi a sala do Kiosco Alfonso, mais todos os espazos expositivos tiveron gran afluencia de público. Destaca a Casa Museo Picasso, na que tamén se rexistrou un incremento de visitas de en torno ao 12%, mais nas outras dúas casas museo que se suman como sede do Viñetas este ano (Casa Museo María Pita e Casares Quiroga) houbo unha boa recepción por parte do público. Outro dato a destacar son as case 17.000 persoas que xa pasaron pola expo Viñetas da Eclipse, na Casa das Ciencias dende o 4 de xullo, cifra que reforza a relevancia de que as mostras do festival se desestacionalicen.
O ScanMeNow, que permitía aos visitantes realizar unha imaxe en 3D, en tan só 25 horas de presenza (estivo dispoñible durante 5 días na sala Palexco) recibiu a máis de 1.800 persoas. Tamén a web e as redes sociais do festival recolleron o seu éxito cun incremento de visitas que superaron nunha semana as 8.200 na páxina oficial, mentres que nas redes sociais se superaron as 600.000 visualizacións.
A edición máis colaborativa
Outro dos datos especialmente significativos é a presenza de 200 profesionais acreditados durante a semana grande do festival de sectores como as librerías, o mundo editorial, as bibliotecas, ou a divulgación. E a esta cifra podería sumarse a das decenas de profesionais que se achegaron a desfrutar das propostas sen estar entre o elenco acreditado. Tamén o Viñetas Show amosou de novo uns bos resultados cos espectáculos que se celebraron no teatro Colón, polo que pasaron máis de 1.000 persoas en total.
O director do festival, Manel Cráneo, quixo destacar tamén a cantidade de colaboracións pechadas este ano con entidades variadas que permiten seguir crecendo o festival. Unha delas, a establecida coa Asociación Galega de Artesáns, permitiu a 9 artesáns diferentes elaborar pezas presentes nas exposicións, extraídas das novelas gráficas que protagonizan as mostras. De feito, lembrou que a actividade aínda non parou no Viñetas, xa que no mes de setembro haberá todavía algunhas propostas da man de entidades como Amigos de la Ópera ou Amnistía Internacional, entre outras.
Radiografía do Viñetas
Máis de 70 autores e autoras participaron na Coruña ata o 16 de agosto nas 24 exposicións (que se prolongan ata o 27 de setembro) e nunha ampla programación na que houbo obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía -desde pequenos ata adultos- e para público especializado.
Viñetas desde o Atlántico mantivo en 2026 as súas principais seccións que acompañan os visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a pódcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores e autoras; un encontro e dúas exposicións para Viñetas Inclusivas, e a extensa programación da Rúa BD, que conta con 38 casetas, entre as que figuran as de 20 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando neste espazo vital do festival. Pero, ademais, en 2026 incorpórouse a nova sección que puxo en valor o traballo das Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.
Amplísima oferta expositiva
A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa exposición que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na mostra Eclipse de Viñetas, na que dez autoras e autores locais (Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan desde a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.
Desde xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala municipal de exposicións de Palexco é a sede das mostras de Jacobo F. S. e da colección de Raúl García. Na primeira delas, percórrese o universo persoal do creador. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición Un paseo por Springfield. Os Simpson na colección de Raúl García, lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.
O Kiosco Alfonso, o que máis interese espertou
Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso conta cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais, unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os visitantes poden gozar na planta baixa da mostra centrada na Loita sindical e feminista europea, coas obras La virgen roja e Sally Heatchcoat: sufragista, de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, e Jiujitsufragistas, de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra Memoria democrática e social na España do século XX coas obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro Hernández, e Caridad del Río, de Pep Brocal.
O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo -autor do cartel desta edición- en María Pita; Humanos, a Roya é un río, dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os Premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Stons, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais (Trazos de memoria), e a incorporación da Fundación Luís Seoane como nova sede do festival coa exposición Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica, que nesta ocasión albergará ‘La guerra civil’, de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.
Ademais diso, o Viñetas Paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, coa exposición Nacional 2. Banda Desenhada Portuguesa de Norte a Sul, que recolle obra de seis colectivos autorais de banda deseñada portugueses; o Bar 13, con Óscar Lojo; a Pulpeira de Melide, con a mostra permanente Pulpos do cómic; a cervezoteca Malte con Amair, de Kike Benlloch e Luis Sendón; e El Tranvía, con Bosque máxico, unha exposición de Fento Studio.
Máis de 100 actividades para todos os públicos
Especialmente rica foi neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribuíronn entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de pódcasts e espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.
Moitas destas propostas formaban parte central da programación da Rúa BD, que contou con 38 stands que ocupaban librarías, editoriais e entidades diversas. Este espazo, localizado diante do Kiosco Alfonso, foi o epicentro da actividade do festival na pasada semana. Todas as exposicións e o programa completo se poden consultar na páxina web do festiva, dispoñible nesta ligazón.