Despois da tan afamada limpeza da feira de Nadela, da que tanto presumiu o Concello de Lugo por redes, varias veciñas e veciños da parroquia queren denunciar o estado no que quedaron as mesas e bancos de pedra situados na propia feira.
Estas mesas levan décadas sendo utilizadas e volveron encherse de veciñas e veciños durante a última feira de San Pedro. Porén, tras os traballos de limpeza, a sorpresa foi maiúscula ao comprobar que varios bancos apareceron rotos e que as pedras foron escondidas baixo as mesas.



Segundo denuncian os veciños, xa pasaron varias semanas desde que se detectaron estes danos e, ata o de agora, non se deu ningunha solución por parte do Concello.
“Manter a carballeira limpa, claro que si, pero tamén hai que ter control e coñecemento sobre os bens que son de todos”, sinalan varios veciños, que recoñecen que “nunca tal cousa se viu” e reclaman responsabilidades e unha solución para reparar os danos ocasionados.
A veciñanza considera que a limpeza e o coidado dos espazos públicos son necesarios, pero deben realizarse con responsabilidade e respectando os elementos que forman parte dun lugar tan vinculado á historia e ás tradicións de Nadela.