Katy Varela: “Se é certo que a ordenanza unicamente limita a actividade á venda de prensa e chucherías, o que ten que facer Tomé é impulsar unha modificación da ordenanza reguladora para ampliar as actividades permitidas e así facilitar que teñan uso”.
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte amosaron a súa preocupación ante a posibilidade real de que peche o derradeiro quiosco que queda en funcionamento na zona da Compañía.
A voceira popular, Katy Varela, sinala que “todos os monfortinos coñecemos a través dos medios de comunicación a próxima xubilación de Xosé Luis Sotelo”, a persoa que a día de hoxe rexenta a churrería da Compañía, o único quiosco aberto dos tres que hai na zona.
“Ao igual que esta persoa, nós tamén estamos preocupados pola posibilidade real de que peche, polo que esiximos a José Tomé que traballe para sacar a concurso este e os outros dous quioscos para que sigan a prestar un servizo esencial para os monfortinos”, explicou.
Na Compañía hai tres quioscos, dous xa pechados e o terceiro, o da churrería, próximo ao seu peche. “Desde o PP de Monforte esta situación nos preocupa xa desde hai tempo, cómpre recordar que xa presentamos unha moción no pleno para o alcalde volvera a sacar a concurso estes quioscos e así dar un impulso á economía da vila e porque somos conscientes de que hai emprendedores interesados en poñelos de novo en marcha”, recordou.
A este respecto, José Tomé limitouse a dicir que unicamente se poden explotar para a venda de revistas e chucherías, polo que “no caso de ser así, pode realizarse unha modificación da ordenanza e así non restrinxir unicamente o seu uso para este fin”.
Por iso, os concelleiros populares defenderán de novo no pleno que o goberno local realice as xestións necesarias para que os quioscos da Compañía recuperen a actividade e, se para iso é preciso modificar a ordenanza reguladora, que se leven a cabo as modificacións necesarias.