Malpica: entre a silla de bar do alcalde, estradas esnaquizadas e unha oposición en procesión

En Malpica as cousas van con outro ritmo, un máis de barra de bar que de despacho de Concello. Dicir que o alcalde ten a cadeira da tasca máis quente que a da súa oficina non é descubrir a pólvora, pero ten o seu mérito, estar máis atento ao que dirán os veciños entre cuncas de viño, que aos buracos das estradas, isto require unha dedicación case profesional. Seica o de cobrar a fin de mes tamén axuda a manter a vocación.

Só fai falta dar un paseo para admirar a paisaxe viaria. Iso si, con coidado cos amortecedores. Hai nada, 21noticias informaba dunha estrada pechada sen avisar para enganchar a auga dunha casa; rematada a obra, o firme quedou cun acabado tan fino que semella que por alí pasou a lexión romana coas súas cuadrigas. Ou un tanque. Pero bo, seguro que é para que os condutores non corran.

O mellor vén cando miras cara á oposición. Un diría que BNG e PSOE terían présa por sumar co edil de Alternativa Independiente (AIM), que ata se ofrecera a pactar de balde. Pero non. Coa conta ben fácil na man, 6 do PP, 4 do PSOE, 2 do BNG e 1 de AIM, a esquerda preferiu aplicar a filosofía do «antes prefiro ver gañar ao outro que ceder eu«.

A obra do mes de xullo na actualidade

Moito discurso e moito lerelé, pero na práctica BNG e PSOE actúan de socios na sombra, regalándolle o goberno en minoría ao PP mentres observan a xogada desde a bancada.

Así dá gusto gobernar: o PP manda sen ter que despeitearse e a oposición fai a dixestión. Total, a culpa dos males do pobo sempre será do veciño, e mentres tanto, a vida política en Malpica pasa amodo, entre estradas esnaquizadas e discursos de barra de bar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios