O Concello de Lugo encargalle a Diego AS a pintura da torre dos Bombeiros

O Concello de Lugo vai desenvolver unha intervención artística na torre de prácticas do Parque de Bombeiros a proposta do propio servizo municipal. Esta actuación enmárcase na estratexia do Executivo local para reforzar o cadro de persoal, visibilizar o labor dos profesionais e achegar á cidadanía a importancia da prevención.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, explicou que «o proxecto, realizado por Diego AS, forma parte duns obxectivos máis amplos: reforzar o servizo, achegalo á cidadanía mediante accións de prevención e divulgación, e recoñecer o traballo destes profesionais». Candia destacou que esta iniciativa complementa as medidas xa adoptadas no ámbito de persoal, como a Oferta Pública de Emprego con 17 prazas (que recibiu 196 solicitudes) e a recente aprobación da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para organizar o cadro de mandos.

Un mural de 32 metros con mensaxe de prevención

O proxecto artístico abranguerá as catro caras da torre de prácticas, de 32 metros de altura e cinco metros de ancho cada unha. Dúas das fachadas pintaranse na súa totalidade e as outras dúas contarán cunha intervención parcial.

A proposta de Diego AS inspírase en dous elementos fundamentais da extinción de incendios: o lume e a auga. O artista empregará tons vermellos, laranxas e amarelos para simbolizar as chamas, en contraste cos azuis e augamarinas da auga. A composición incluirá a figura dun profesional dos bombeiros como homenaxe ao persoal de emerxencias.

Para o muralista lucense, o encargo supón ademais un reto técnico ao enfrontarse por primeira vez a un traballo pictórico a esta altura.

Divulgación e formación

Paralelamente á intervención artística, o Concello programará visitas de centros educativos ás instalacións do parque e potenciará o ciclo medio de Emerxencias e Protección Civil do CIFP As Mercedes, que se imparte nas dependencias municipais do CEI Nodus.

No acto de presentación estiveron presentes a alcaldesa Elena Candia, o artista Diego AS, a concelleira de Dinamización, Cristina Sanz, e o xefe do Servizo de Bombeiros, Juan Coto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios