O escritor galego Samuel Martínez Fandiño presentará en novembro a súa nova novela, ‘Más allá de un internado’

Samuel Martínez Fandiño, escritor natural de Soesto (Laxe, A Coruña), publicará o próximo mes de novembro de 2026 a súa nova novela, Más allá de un internado, da man da editorial Diversidad Literaria. Con este novo traballo, o autor busca ofrecer unha historia chea de misterio, romance, amizade e acción, ao tempo que transmite unha mensaxe fundamental: unha discapacidade non define os límites dunha persoa nin debe permitir que os demais decidan ata onde pode chegar.

A trama está protagonizada por Nymira, unha moza cuxas vacacións rematan de xeito tráxico tras sufrir un misterioso accidente que a deixa en coma. Ao acordar, descobre que o sucedido podería non ter sido un accidente, senón un intento de asasinato. Tras regresar ao internado, a súa vida convértese nunha busca constante de respostas entre lembranzas fragmentadas, cartas anónimas, secretos ben gardados e unha directora que fará todo o posíbel por entorpecer o seu camiño. Nesta aventura tamén terán un papel fundamental dous romances moi diferentes, novas amizades e o mundo das carreiras de motos, onde cada vitoria e cada caída porán a proba aos personaxes.

A música é outro dos piares da obra. Cancións de artistas como Aitana ou Hard GZ forman parte da identidade do libro, axudando a construír a atmosfera emocional de escenas clave. Ademais, a novela garda unha vinculación moi especial con Galicia e a Costa da Morte, terra natal do autor e fonte de inspiración para o proxecto.

Con Más allá de un internado, Samuel continúa a súa traxectoria tras a publicación da súa anterior obra, Heridas. Neste novo libro, aborda abertamente o impacto das burlas e os prexuízos cara ás persoas con polo menos unha pequena discapacidade: «Moitas veces a sociedade impón límites antes de coñecer de todo o que alguén é capaz. A través desta novela quero defender precisamente o contrario: que as dificultades non determinan o noso futuro e que ninguén debería ser definido unicamente por aquilo que outros consideran unha limitación«, sinala o autor.

Sobre o autor

Samuel Martínez Fandiño (Laxe) comezou a escribir con 15 anos, atopando na poesía un refuxio para expresar os seus sentimentos nunha etapa marcada polo acoso e as burlas. Esa experiencia persoal transformouse no motor da súa carreira literaria: demostralo a través dos seus libros que, sen importar as circunstancias, calquera persoa pode cumprir os seus soños co esforzo necesario. Fronte a unha sociedade que a miúdo exclúe a quen non segue a corrente, Samuel aposta por literatura que emocione, faga reflexionar e rompa estereotipos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios