O PP subliña que “PSOE e BNG rectifican” sobre o equipamento de mobiliario e a cociña da residencia de Becerreá, unha responsabilidade que “previamente pretendían trasladar ao futuro adxudicatario”  

Antonio Ameijide subliña que PSOE e BNG “recoñecen nos pregos da licitación” que a cociña e outros elementos do mobiliario “son imprescindibles para o desenvolvemento da actividade da residencia”.

O portavoz provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, subliña que “o goberno de PSOE e BNG tivo que rectificar” e “autoemendarse” en relación ao equipamento e dotación de cociña na residencia de Becerreá: “na memoria aprobada por PSOE e BNG establecían unha xestión privada con canon 0 onde a adxudicataria do servizo que tería que investir preto de 1,4M€ para nestas dotacións aínda pendentes; pero, finalmente, é o propio goberno provincial o que saca a licitación o equipamento e a instalación da cociña e adaptación das instalacións”.

O popular explica que “xa advertiamos que coa licitación do equipamento do mobiliario non era suficiente e pediamos aclaracións á presidenta sobre a instalación da cociña”. E recorda que “había un remanente de en torno a 1,5M€ que se debía destinar ao equipamento do centro. Era un compromiso. Pero agora, ademais, seguramente sexa necesario investir na posta a punto despois de anos co edificio rematado e sen poñer en funcionamento”, subliña.

Ameijide incide en que “rectifican, pero moi tarde” porque “levan moitos anos prexudicando aos veciños e veciñas de Becerreá e a comarca por simple capricho político”. E puntualiza que “se rectifican despois de moito tempo votando en contra das iniciativas do Grupo Popular e negándose a avanzar para poñer en marcha unhas instalacións que levan máis de catro anos rematadas, é pola acción da Xustiza”.

O portavoz provincial do PP considera que “os últimos anuncios non son froito da vontade do goberno de PSOE e BNG, senón que se vén obrigados por unha sentenza xudicial que condena á Deputación de Lugo a abrir e poñer en funcionamento o centro atendendo ao establecido no convenio asinado entre a institución provincial e o Concello”.

Para Ameijide, “PSOE e BNG non paran de contradicirse e cambiar de opinión no que parece unha estratexia para enredar e dilatar”. De feito, o propio TSXG considera probada a inactividade do goberno provincial e cualifica as súas actuacións como “actos de trámite insignificantes ou dilatorios”.

EQUIPAMENTO ESENCIAL
Antonio Ameijide subliña tamén que PSOE e BNG “recoñecen nos pregos da licitación” que a cociña e outros elementos do mobiliario “son imprescindibles para o desenvolvemento da actividade da residencia”.

“Rectificar é de sabios”, incide Antonio Ameijide que considera que “o goberno provincial agora nos dá razón. E o que levamos anos reclamamos dende o Partido Popular e tamén os propios veciños de Becerreá e o Concello eran os pasos que tiña que dar a Deputación”.

Os populares esixen, unha vez máis, “cumprir o establecido no convenio asinado e cumprir cos veciños e veciñas de Becerreá e a comarca” e “facer pública a data na que PSOE e BNG teñen previsto abrir a residencia” toda vez que “o goberno provincial continúa sen sacar a licitación a prestación do servizo”.

Ameijide insiste en reclamar, ademais, “o mesmo modelo que para o resto de centros da rede provincial” porque, “mentres PSOE e BNG levan tempo tratando aos veciños da Montaña como lucenses de segunda, dende o PP sempre defendemos a igualdade”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios