O PSOE esixe a Candia retirar a nova guía de Lugo polos seus «graves erros»

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo instou ao Executivo liderado por Elena Candia a retirar de inmediato a nova guía turística presenteda a pasada semana. A formación considera que o documento contén numerosos erros e inexactitudes que comprometen seriamente a credibilidade, a calidade e o rigor da carta de presentación da cidade ante os visitantes.

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, cualificou de «especialmente grave» que a publicación incurra nun fallo histórico ao confundir a Ponte Romana coa Muralla de Lugo á hora de referirse á declaración de Patrimonio Mundial da UNESCO. «Non estamos ante un matiz menor; a Muralla ten esa consideración desde o ano 2000 e a Ponte Romana non. Que un documento oficial do Concello cometa este erro demostra unha falta total de revisión técnica. É inadmisible que esa guía siga representando a Lugo nin un minuto máis», aseverou.

Acumulación de inexactitudes históricas e patrimoniais

Os socialistas sinalan que as eivas da guía esténdense a múltiples puntos clave da cidade:

  • Espazos culturais: Atribúe á Sala Porta Miñá unha función de exposicións temporais de pintura —desactualizada desde hai case tres décadas, ao estar centrada no Lugo romano— e desvirtúa os contidos do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).
  • Monumentos e urbanismo: Afirma que a Porta Falsa é de orixe medieval e que a Porta de Santiago se conserva no seu estado orixinal; ademais, confunde o estilo arquitectónico do Palacio Episcopal, erra nas datas do Círculo das Artes, atribúe á Praza Maior unha actividade medieval inexistente e erra na orixe do nome do barrio da Tinería.
  • Calidade lingüística: Presenta erros ortográficos e castelanismos que deberían ser corrixidos por profesionais.

«Esta acumulación de erros evidencia que ninguén con coñecemento abondo do patrimonio revisou o texto. A ansia por proxectar a imaxe de Candia a toda costa fai que se traballe sen rigor, ofrecendo unha imaxe monocolor da cidade que só responde a intereses partidistas», advertiu a edila socialista.

Opacidade nos dereitos de autoría fotográfica

González Abelleira denunciou tamén o tratamento das imaxes incluídas no folleto, onde non se identifica correctamente a autoría de recoñecidos fotógrafos profesionais, como material atribuíbel a Xurxo Lobato entre outros autores, atribuíndo de forma xenérica as fotos ao concelleiro Agustín Gallego. «Nunha publicación oficial cómpre respectar escrupulosamente a propiedade intelectual e recoñecer o traballo de cada profesional», esixiu.

Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista pediu recuperar o criterio dos servizos técnicos municipais e recuperar o documento base elaborado orixinalmente por Darío Xohán Cabana para redactar unha guía rigurosa e á altura do patrimonio da cidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios