O PSdeG denuncia a inacció da Xunta ante a caída do 50 % na produción apícola pola velutina e o cambio climático

Lara Méndez advirte que menos do 10 % das explotacións poden subsistir unicamente da venda de mel e reclama un plan integral de apoio ao sector.

O Grupo Parlamentario Socialista levará ao Parlamento a situación de emerxencia que vive a apicultura galega para esixirlle á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan integral fronte á expansión da vespa velutina e os efectos do cambio climático.

A portavoz socialista de Medio Rural e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciou a pasividade do Executivo autonómico ante a «situación crítica» que atravesa o sector en plena campaña de recollida, cunha caída da produción de mel que xa alcanza o 50 % nos últimos anos.

Unha «tormenta perfecta»: praga de velutina e seca

Méndez alertou sobre a presión sen precedentes da vespa velutina arredor das colmeas, cunha presenza que o propio sector calcula que se multiplicou por tres respecto ao ano anterior. Esta percepción coincide cos datos da propia Administración autonómica: só no mes de xuño, os avisos superaron os 7.400 en Galicia, máis do triplo que no mesmo período de 2025, deixando aos equipos de Seaga desbordados.

«Os números son da propia Xunta: os avisos triplícanse e a resposta segue a ser a mesma de hai dez anos: un teléfono, unha empresa pública sen medios abondo e moita nota de prensa. Ao PP o rural interésalle en campaña e esquéceo o resto do ano», criticou a deputada.

A esta praga súmanse os efectos do cambio climático e a seca. Os períodos de floración cada vez máis curtos e os fenómenos meteorolóxicos extremos impiden que os enxames obteñan alimento suficiente, minguando drasticamente a produción de mel.

Impacto económico, ecolóxico e propostas do PSdeG

A parlamentaria destacou o valor estratéxico da apicultura, que conta con preto de 5.000 explotacións en Galicia —situando á comunidade como a terceira de España en número de titulares—, ademais do seu papel clave no medio ambiente como principal axente polinizador. Coa realidade actual, advirte, menos do 10 % das explotacións son quen de subsistir unicamente coa venda de mel.

Para reverter esta situación e protexer o produto galego fronte ás importacións de menor calidade e baixo prezo, a iniciativa parlamentaria do PSdeG insta á Xunta a acordar co sector un plan integral que inclúa:

  • Calendario de trampeo coordinado cos concellos galegos.
  • Reforzo de medios e persoal para a retirada e neutralización de niños.
  • Liñas de axuda específicas para as explotacións afectadas.
  • Impulso á investigación mediante convenios coas universidades galegas.
  • Medidas de protección e posta en valor do mel galego fronte ao produto importado.
Comparte éste artículo
No hay comentarios