As obras inclúen a construción dunha nova cuberta que permitirá empregar a pista con independencia da meteoroloxía e promover actividades deportivas, culturais e sociais durante todo o ano.
A Deputación da Coruña achegará 345.809 euros ao Concello de Miño para a renovación das pistas polideportivas de Vilanova-Perbes, na parroquia de San Xoán de Vilanova. As obras inclúen a construción dunha nova cuberta que permitirá empregar a pista con independencia das condicións meteorolóxicas. Deste xeito, poderase dar continuidade aos usos destas instalacións ao longo de todo o ano, cuxa mellora permitirá promover eventos de carácter deportivo, cultural e de lecer.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, visitaron hoxe as instalacións, onde o alcalde explicou con detalle as actuacións que inclúe o proxecto e como van mellorar as condicións para a práctica deportiva na parroquia. Ademais, tamén estiveron presentes representantes da Asociación de Veciños de Xarío, propietarios dos terreos dos terreos das pistas, que foron cedidos ao Concello de Miño para poder realizar a obra.
Formoso destacou “o esforzo da Asociación de Veciños de Xarío para concienciar ao Concello e que nos fixera esta demanda”. O presidente da Deputación sinalou que “este proxecto será un antes e un despois para este espazo, construído nos anos 80 e que xa deu todo o que tiña que dar. Con esta actuación, terán unhas pistas máis modernas para o uso e desfrute de toda a veciñanza de Miño”.
Ademais, Valentín González Formoso puxo en valor o traballo que está a facer o goberno local de Miño, con Manuel Vázquez Faraldo á cabeza, afirmando que “son unha referencia de xestión a nivel provincial”.
Pola súa banda, o rexedor miñense afirmou que “é unha gran satisfacción que este proxecto vaia saír adiante”. Agradeceu “a sensibilidade da Deputación e do seu presidente por atender a nosa petición” e tamén “o traballo e a xenerosidade da asociación para que a obra vaia adiante”. Puxo en valor que as pistas funcionarán como “unha zona multidisciplinar, pois, ademais de para facer deporte, son o emprazamento habitual das festas e tamén servirá de patio cuberto para a nova Escola Infantil Municipal”.
Por último, a secretaria da Asociación de Veciños de Xarío, Margarita Vázquez, agradeceu o traballo e a atención tanto do Concello de Miño como da Deputación e desexou “que os traballos se desenvolvan o máis rápido e o mellor posible”.
Nova cuberta e iluminación e cambio do pavimento
A nova cuberta contará cunha estrutura metálica cun van de 22,8 metros e unha lonxitude de 46 metros. A cuberta que se colocará enriba estará constituída por chapas de aceiro con protección anticorrosión.
Dentro do proxecto tamén se contempla a rehabilitación do pavimento das instalacións, o que incrementará a comodidade e seguridade tanto na práctica deportiva como no resto de usos aos que se poderá destinar o espazo reformado. Así mesmo, renovaranse o sistema de drenaxe e a iluminación, incluíndo a instalación de 17 proxectores LED. O prazo estimado para levar a cabo estes traballos será de seis meses desde o inicio das obras.