Unha entrada de Marcos Alonso que supuxo a súa expulsión ao comezo do segundo tempo, condicionou o xogo do Celta, que chegara ao descanso con vantaxe grazas a un gol de Iago Aspas. Logo de ser dominado no remate do primeiro período polo cadro pamplonés, o Osasuna virou o marcador tras a expulsión con goles de Barja e Budimir, este de penalti.
Iago Aspas marca nun bo arrinque galego
O Celta apenas demorou minutos en tomarlle o pulso ao partido. Control e circulacións tendendo a buscar a entrada na área desde a posición de Javi Galán, Moriba e Miguel presionando para que Osasuna non tivera opcións de combinar desde atrás e algún balón longo para a carreira de Pablo Durán.
Así chegou o primeiro gol da temporada. Moriba condicionou un mal pase de saída, Miguel completou o roubo en tres cuartos e procuraron a Iago Aspas, que ante unha defensa en liña, orientouse cara á media lúa e sen adversarios que o molestaran, con toda a visión do arco, axustou o disparo para que Sergio Herrera non tocara a pelota coa súa estirada polo chan.
O Osasuna asustou ao cuarto de partido, nunha subida de Abel, cuxo xute pasou a rentes da escuadra da meta defendida por Radu, que até ese intre só tivera que intervir nun centro lateral carente de perigo.
O partido xogábase con deportividade, aínda que o Osasuna acumulaba máis faltas e Marcos Alonso, nunha entrada na banda, e Javi Rodríguez, nin balón dividido logo de saír desequilibrado dun drible a Barja, apañaron os primeiros golpes duros dun encontro no que só Dubasin levaba cartón por unha acción dura na parcela celeste. Despois foi Swedberg o obxectivo de Arguibide e Osambela, cando o cadro navarro comezaba a ter máis posesión a aumentou a produción de centros á área local.
No minuto 40, un mal pase a Radu condicionou o despexe do romanés, que rectificou axiña a posición para deter a un metro da liña de gol o tiro de Raúl García. Ai fío do descanso foi Barja, aproveitando unha indecisión de Yoel e Marcos Alonso ante un balón alto gañado por Dubasin. O xute do encarnado pasou por riba da barra.
A expulsión de Marcos Alonso e un penalti marcan o partido
Ramis personalizou o mal xogo do seu equipo en Moncayola e o segundo tempo comezou con Iker Muñoz o centro. Aos dous minutos o colexiado, Sesma Espinosa, desequilibrou o partido en canto a homes. Rectificou un amarelo a Marcos Alonso por un vermello a instancias de Ávalos Barrera, no VAR e o Osasuna non demorou en empatar malia que Claudio Giráldez substituíra a Iago Aspas para cubrir a defensa con Starfelt.
No minuto 54’, un centro de Dubasin non puido ser atallado por Radu e Barja, nas proximidades, recolleu o coiro e xutou ás mallas polo centro.
No minuto 61 nun asegundo córner consecutivo lanzado polo Osasuna, Budimir xutou contra o brazo de Yoel. O mesmo balcánico, xutando polo centro en enganado a Radu, poría nome á remonta.
A tripla substitución feita por Giráldez tardou en funcionar. O Celta perdera o poder de encadear pases, progresar e atopar espazos. Ao tempo, o público protestaba a actuación arbitral ao entender que o rioxano non medía por igual as entradas dun e outro equipo. Ante un Osasuna máis racional as ocasións esmoreceron. Tampouco a entrada de Jutglà por Pablo Durán mudou as cousas. Xogar cin menos representou un abismo para o Celta, que apañou a primeira derrota no torneo da regularidade fronte un rival que pouco demostrou, pero gañou por atinar en dúas accións puntuais, pero decisivas.
No derradeiro minuto, Sergio salvou na raia o 1-3 ante un confiado disparo de Budimir.
Ficha
XOVES 27/08/2026 (20,30) Campo: BALAÍDOS (20.645)
R.C. CELTA : 1 – C. AT. OSASUNA :2 (1‑0)
CEL : Radu; Javi Rodríguez, Yoel, Marcos Alonso; Javi Rueda (Sergio 64’), Miguel, Moriba, Javi Galán (El-Abdellaoui 64’); Iago Aspas (Starfelt 52’), Pablo Durán (Jutglà 78’), Swedberg (Hugo Álvarez 64’) Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Bayindir (g); Faye; Núñez; Burcio; Febas; Hugo González; Antañón).
OSA : Sergio Herrera; Argiubide, Catena, Herrando (Rubén García 54), Abel; Moncayola (Iker Muñoz D), Osambela, Lucas, Barja (Moi Gómez 73’); Dubasin (Budimir 54’), Raúl García (Aimar 81’). Tre. Luis Miguel Ramis. (Banco: Aitor Fernández (g); Boyomo; Moro; Mauro; Bonel; Santos; Rico).
Goles: 1-0 Iago Aspas 13’; 1-1 Barja 54’; 1-2 Budimir 63’/p).
Árbitro: Sesma Espinosa (A Rioxa). Auxiliares: Rodríguez Portela e Martínez Caballero. 4º árb.:Cueto Amigo .
VAR: Ávalos Barrera. AVAR: Cuadra Fernández.
Disciplina: CA: Dubasin 26’ // VD: Marcos Alonso 47’ / (banco CEL) 85’.
NOTAS: O partido, marcado para o domingo, 16/08/2026, foi adiado por estar o céspede de Balaídos danado por un fungo.