A Romaría de Santa Margarida volverá converter o parque nun grande encontro da música e da cultura tradicional galega

A cita, que pechará desde mañá as Festas de María Pita, terá concertos, obradoiros, artesanía e actividades participativas.

O parque de Santa Margarida volverá ser esta fin de semana o epicentro da música de raíz e da cultura tradicional coa celebración dunha nova edición da Romaría de Santa Margarida, unha das citas máis emblemáticas das Festas de María Pita e o seu tradicional peche cultural. Durante tres días, o parque acollerá concertos, obradoiros, actividades participativas e encontros arredor da música, o baile e as tradicións populares galegas. 

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a romaría representa «unha Coruña orgullosa das súas raíces, aberta ao mundo e que entende a cultura como un espazo de encontro e convivencia». A rexedora puxo tamén en valor o papel das entidades culturais da cidade e das agrupacións que manteñen viva a tradición musical galega. 

A programación arrancará o venres 28 de agosto co espectáculo de PÄRBO, o proxecto formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos, acompañado polas creacións visuais de Montse Piñeiro no Planetario da Casa das Ciencias. Xa pola noite, o anfiteatro acollerá a tradicional Gran Noite do Folclore, coa participación de Son d’Aquí, Donaire, Xacarandaina e Cántigas da Terra. 

O sábado será a xornada máis participativa, cun espazo de obradoiros, mostra de entidades e artesanía musical na explanada da Casa das Ciencias. A programación musical contará coa actuación de Benofán, o pasarrúas da Real Banda de Cadeiras Encartables e os concertos de Unto Vello, Os Viqueiras e Alana. 

A romaría rematará o domingo cun programa que combinará tradición e novas expresións musicais. A Banda Municipal de Música da Coruña actuará xunto a Donaire, mentres que ao longo da xornada pasarán polos escenarios Pansenfron, Son Galaico, Herbamora, Mondra e o grupo irlandés Dervish, unha das formacións de música celta máis recoñecidas a nivel internacional.

A Romaría de Santa Margarida consolídase así como unha das grandes celebracións da cultura tradicional galega e unha das propostas máis singulares do calendario estival da cidade, reunindo cada ano a milleiros de persoas arredor da música, da artesanía e do patrimonio cultural compartido.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

Venres, 28 de agosto

  •  18.00 e 19.00 h – Planetario da Casa das Ciencias – PÄRBO (Begoña Riobó e Anxo Pintos) con visuais de Montse Piñeiro 
  •  21.00 h – Anfiteatro de Santa Margarida – Gran Noite do Folclore: Aturuxo, Son d’aquí, Donaire, Xacarandaina e Cántigas da Terra.

Sábado, 29 de agosto

  • 11.30 a 14.30 h – Explanada da Casa das Ciencias – Espazo participativo:
    •  Obradoiros para distintos niveis e idades
    •  Mostra de entidades da cidade
    •  Mostra de artesanía musical
  •  13.30 h – Explanada da Casa das Ciencias – Actuación de Benofán 
  • 16.00 a 19.00 h – Explanada da Casa das Ciencias – Espazo participativo:
    •  Obradoiros para distintos niveis e idades
    •  Mostra de entidades da cidade
    •  Mostra de artesanía musical
  •  19.30 h – Explanada da Casa das Ciencias – Actuación de Real Banda de Cadeiras Encartables. 
  •  20.30 h – Anfiteatro de Santa Margarida – Concertos de Unto Vello, Os Viqueiras e Alana.

Domingo, 30 de agosto

  •  12.00 h – Escalinata da Casa das Ciencias – Concerto da Banda Municipal de Música da Coruña con Donaire 
  •  13.00 h – Escenario das merendas – Concerto de Pansenfron
  •  17.30 h – Escenario das merendas – Concerto de Son Galaico
  •  20.00 h – Anfiteatro de Santa Margarida – Concertos de Dervish, Herbamora e Mondra
Comparte éste artículo
No hay comentarios