O PP lucense esixe a recuperación do tren-hotel nocturno con Barcelona

Katy Varela engadiu que “non vale de nada gastar os cartos en arranxar a Praza da Estación, como fixeron en Monforte, se logo non pasan trens pola cidade”.

O PP lucense leva ao Congreso e ao Senado unha nova ofensiva para esixir a recuperación do tren-hotel nocturno que conectaba Galicia con Barcelona con parada en Lugo, Sarria, Monforte e San Clodio-Quiroga; un servizo que Renfe suprimiu no ano 2020 no contexto da pandemia e que, seis anos despois, continúa sen ser restablecido.

O senador José Manuel Balseiro e a deputada nacional Cristina Abades compareceron en rolda de prensa dende Sarria acompañados pola portavoz do PP local, Carmen José López, e a portavoz do PP de Monforte, Katy Varela, para reivindicar un servizo “moi valorado” e que “segue sendo moi demandado”.

Os populares reclaman ao Goberno de Sánchez que aclare se ten previsto recuperar esta conexión e, no caso contrario, que explique por que mantén a súa supresión seis anos despois de rematada a situación excepcional que motivou a súa suspensión.

A través da súa iniciativa reclaman tamén os datos de viaxeiros, prazas ofertadas e ocupación correspondentes a cada un dos cinco anos anteriores á súa supresión: 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019. Para os populares, non é aceptable que o Goberno pretenda xustificar a desaparición dunha conexión ferroviaria de longa distancia tomando como referencia unicamente os datos de 2019, como fixo nunha resposta parlamentaria de novembro de 2023.

“Se realmente queren avaliar a demanda do servizo, que poñan enriba da mesa todos os datos dos cinco anos anteriores á súa supresión e permitan comprobar a súa evolución”, sinala Balseiro. Máis aínda cando se pretende avaliar a utilidade dun servizo despois dunha interrupción provocada por unha situación extraordinaria como a pandemia.

O PP lembra que o tren-hotel permitía saír de Galicia pola tarde, viaxar durante a noite e chegar a Barcelona pola mañá, aproveitando as horas de descanso e evitando perder unha xornada completa no desprazamento. A reivindicación, ademais, segue plenamente vixente seis anos despois da súa desaparición.

Carmen José López subliñou que “Sarria non era unha simple parada dun tren que chegaba a Lugo; formaba parte do percorrido completo do tren-hotel Barcelona-A Coruña. É obvio que para a veciñanza do municipio era unha conexión importante da que se nos priva nunha mostra máis da desatención e discriminación do Goberno aos intereses do municipio”.

Katy Varela insistiu en reclamar “a recuperación dos servizos suprimidos” e engadiu que “non vale de nada gastar os cartos en arranxar a Praza da Estación, como fixeron en Monforte, se logo non pasan trens pola cidade”. A voceira popular avanzou que levará esta reclamación ao Pleno do Concello.

REDUCIDA OFERTA FERROVIARIA

Os populares advirten, ademais, de que a desaparición do tren-hotel non é un feito illado, senón que se enmarca nunha situación ferroviaria cada vez máis preocupante para a provincia de Lugo, cunha oferta insuficiente e con servizos que existían antes da pandemia que non foron recuperados.

Balseiro asegurou que “nos últimos 7 anos, co Goberno de Sánchez, Galicia sumou  frecuencias e servizos, mentres que Lugo perdeu entre o 30 e o 40%”. Nese sentido, lembrou que Lugo perdeu dúas frecuencias directas con Madrid, a conexión a Bilbao e o tren nocturno a Barcelona. Isto todo nos últimos 7 anos”.

Cristina Abades lembra que “en Lugo está pendente de poñer en marcha a nova intermodal. Pero de nada serve unha estación sen trens e a provincia continúa perdendo oferta ferroviaria”. De feito, “a provincia conta con menos frecuencias con Madrid e non dispón do tren nocturno a Barcelona”. Así mesmo, advirte que “o Goberno de Sánchez ten renunciado ás variantes ferroviarias que permitirían reducir os tempos de viaxe”. Polo tanto, “demandamos máis servizos, máis frecuencias e que se recupere o tren-hotel nocturno a Barcelona”.

O PP considera que recuperar o tren-hotel sería tamén apostar por unha mobilidade moderna e ofrecer unha alternativa competitiva ao vehículo privado e ao avión, nun momento no que os servizos ferroviarios nocturnos están recuperando protagonismo en Europa. “Mentres Europa volve mirar cara aos trens nocturnos, Lugo perdeu o seu. O Goberno de Sánchez non pode condenar a provincia a ir sempre por detrás”, sinalan.

“Seis anos de supresión xa son suficientes. O Goberno xustificou a eliminación pola pandemia e posteriormente pola súa baixa rendibilidade. Pero a normalidade volveu hai anos, a demanda segue reclamándoo e a provincia de Lugo continúa perdendo oferta ferroviaria”, conclúe Balseiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios