O Alcalde da Laracha participa na xunta local de seguridade para coordinar o dispositivo de cara ao Rally Terra de Galicia

Na reunión, presidida polo subdelegado do Goberno, estiveron representados os corpos e forzas de seguridade, os municipios polos que discorrerá a proba, o comité organizador e a Real Federación Española de Automovilismo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro Pablo Cambón participaron esta mañá de xeito telemático na Xunta Local de Seguridade convocada para coordinar o dispositivo con motivo da celebración do Rally Terra de Galicia, que terá lugar os días 3, 4 e 5 de setembro.

A sesión estivo presidida polo subdelegado do Goberno, Julio Abalde, e nela participaron representantes dos concellos polos que discorrerá a proba, así como membros das forzas e corpos de seguridade; Ernesto Rumbo, en representación do Comité Organizador; e José Vicente Medina, vicepresidente 2º da Real Federación Española de Automovilismo.

Durante a reunión abordouse a coordinación do dispositivo necesario para garantir o correcto desenvolvemento da proba e a seguridade tanto dos participantes como das persoas que se acheguen para presenciala aos diferentes puntos do percorrido.

O Rally Terra de Galicia pasará por un total de oito municipios e, por segundo ano consecutivo, contará cun tramo na parroquia larachesa de Montemaior, algo que o Concello celebra porque este evento supón unha excelente oportunidade para que a veciñanza poida desfrutar en directo dunha proba automobilística de primeiro nivel. Ao mesmo tempo, lémbrase a importancia de facelo con responsabilidade, respectando en todo momento as zonas habilitadas para o público e seguindo as indicacións das forzas e corpos de seguridade e da organización.

Comparte éste artículo
No hay comentarios