Os terreos de xogo acollerán este sábado e domingo diferentes citas organizadas polos clubs coruñeses, desde o fútbol base ata a categoría sénior.
A Coruña despedirá o mes de agosto cunha intensa programación futbolística. Cinco torneos organizados por clubs da cidade concentrarán boa parte da actividade deportiva desta fin de semana nos campos municipais, coincidindo ademais cos compromisos oficiais dos equipos feminino e masculino do RC Deportivo.
A programación reunirá fútbol base, fútbol feminino e competición sénior en instalacións como os campos de Leyma, Eirís e A Grela e a Cidade Deportiva da Torre. Un calendario que pon de manifesto o peso do tecido deportivo local e o traballo que desenvolven durante todo o ano as entidades futbolísticas coruñesas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou «a capacidade dos clubs da cidade para mobilizar centos de deportistas e familias arredor do fútbol e manter vivas competicións que xa forman parte do calendario deportivo coruñés». «Desde o Concello queremos seguir acompañando este traballo, facilitando instalacións e recursos para que o deporte base, o fútbol feminino e as diferentes categorías competitivas continúen medrando na Coruña», engadiu.
O apoio ás entidades deportivas e a posta a disposición dos clubs das instalacións municipais forman parte das políticas de promoción do deporte desenvolvidas na cidade no marco da acción do Goberno de Inés Rey, co obxectivo de favorecer tanto a práctica deportiva como o traballo de formación que realizan as canteiras coruñesas.
A actividade comezará este sábado 29 coa primeira xornada do XXVII Torneo Victoria ‘Memorial Moncho Rivera’, organizado polo Victoria CF no campo Víctor Fernández Alonso, en Leyma. A competición arrancará ás 10.00 horas co encontro infantil masculino entre o Victoria CF A e o Sada CF. Ás 12.15 horas será a quenda do equipo sénior feminino do Victoria ante o Atlético Vilalonga; ás 16.15 horas disputarase o encontro cadete feminino fronte ao Racing Club Ferrol; ás 18.00 horas, o infantil feminino ante o propio Racing; e, ás 19.30 horas, o Victoria CF B e o Ural CF B pecharán a xornada. O torneo terá continuidade os días 5 e 6 de setembro.
Tamén este sábado se realizará no campo de Eirís o XXXI Torneo SD Santa Margarita, outra das citas tradicionais do calendario futbolístico local. A xornada comezará ás 10.00 horas co partido da categoría infantil entre o Santa Margarita e o Rosalía Mera. Ás 12.00 horas disputarase o encontro cadete ante o Liceo Monelos; ás 17.00 horas será a quenda do equipo feminino de fútbol 11, que se medirá co Club Deportivo Narón; e ás 19.00 horas pecharase o programa co partido sénior entre o Santa Margarita e o Sporting Burgo.
O campo da Grela concentrará outras dúas citas durante a xornada do sábado. Pola mañá celebrarase o II Memorial Rogelio Ríos, organizado polo Silva SD, cun encontro entre o conxunto coruñés e a UD Paiosaco ás 12.15 horas na Grela 1.
Xa pola tarde será a quenda do X Torneo Pepe Guillín, promovido polo Ural Español CF. A competición incluirá dous encontros de fútbol xuvenil: ás 17.00 horas, o Ural Español CF enfrontarase á SD Compostela en categoría Preferente Xuvenil e, ás 19.00 horas, o Ural medirase ao RC Deportivo en División de Honor Xuvenil.
A programación dos clubs continuará o domingo pola mañá na Cidade Deportiva da Torre coa celebración do XXII Memorial Manuel Fernández Faraldo, organizado pola SD Orzán. Esta cita ocupará os cinco campos do complexo municipal e reunirá equipos das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior feminina de Terceira Federación.
«A coincidencia de todas estas competicións nunha mesma fin de semana amosa a dimensión que ten o fútbol na Coruña, non só arredor da competición profesional, senón especialmente polo labor diario dos clubs, das súas canteiras e das persoas que fan posible a súa actividade», sinalou Vázquez, que incidiu na importancia de «seguir facendo das instalacións municipais espazos para a práctica deportiva, a convivencia e a transmisión dos valores asociados ao deporte».
A Coruña pecha así agosto cunha fin de semana na que o fútbol terá un protagonismo especial en diferentes puntos da cidade, combinará competición, formación e memoria, e poñendo en valor o papel dos clubs locais e das súas canteiras na dinamización do deporte coruñés.