A política, coma a vida mesma, resúmese ás veces nunha sucesión de ilusións ópticas. Basta con ler un titular apresurado a primeira hora da mañá para sentir que algo resucita, para despois encaixar a golpe da realidade unhas horas máis tarde. Iso é precisamente o que aconteceu tras o recente guiño do Partido Nacionalista Vasco (PNV) ao galeguismo. A invitación para retomar a interlocución entre Euskadi e Galicia non tiña como destinatario, de principio, ao histórico Partido Galeguista (PG), senón ao emerxente Partido Galego.
Para quen aínda garda na memoria a histórica alianza do Galeusca entre Galicia, Euskadi e Catalunya que buscaba articular unha alternativa plurinacional, o episodio non é unha simple anécdota de axenda. É a constatación dun certificado de defunción política.
O nacionalismo vasco nunca destacou polo seu romanticismo inútil. O PNV é, ante todo, unha maquinaria de pragmatismo político. As alianzas non se manteñen de recordos, fotos en branco e negro nin de siglas históricas que xa non moven urnas nin militancia.
Tras anos de distanciamento, a interlocución entre o PG e Sabin Etxea simplemente esfumouse, baste mirar quenes foros nas eleccións europeas os acompañantes en Galicia do PNV nas últimas citas coas urnas. As visitas institucionais do pasado pasaron sen pena nin gloria e o fío directo terminou por romperse. Cando unha formación política deixa de ter implantación territorial e visibilidade nas rúas de Galicia, os seus socios de viaxe tradicionais non tardan en buscar novos interlocutores.
A traxedia do galeguismo non é só a súa irrelevancia mediática, senón a perda paulatina da súa propia identidade. Durante décadas, o espazo centrista e galeguista foi incapaz de articular unha estrutura sólida e autónoma, quedando relegado na práctica a actuar como comparsa ou «telonero» do Partido Popular de Galicia.
Ao absorber o PPdeG de forma hexemónica o espazo potencial do galeguismo e gran parte do voto que no seu día ocupou o nacionalismo centrista de CG, ademais do voto conservador, a marca do Partido Galeguista quedou reducida a un mero símbolo para nostálxicos, deixando orfo a este país do proxecto político tan necesario para esta Terra, a Nazón de Breogán; o proxecto político que mellor soupo conxugar o sentimiento e o ser, a razón de Galicia e dos galegos. Un baleiro co que pretenden encheuse algunas forzas políticas que nada teñen que ver co pensamento e, moito menos, coa historia do galeguismo. Este é o gran drama do galeguismo e do PG, dos homes e mulleres que deron o mellor de si a prol deste ideal, e que ata o día de hoxe non se tén feito xustiza. Os tempos deberían ser chegados!
Ante está realidade, inzaron capelas coma cogomelos no outono, todas ellas co selo do galeguismo, a expresión viva do minifundio desintegrador, o xermolo que non da froitos.
O vindeiro 27 de setembro, o PNV Vai celebrar o Alderdi Eguna, a súa festa máis senlleira, á que foi convidado o Partido Galego (PG), o que tamén se declara Galeguista. Oxalá que este acto, coa axuda de San Miguel (patrón de Euskadi) e do Apóstolo Santiago lles encha o espíritu de concordia aos galegos/as que alí se acheguen, e nola transmitan aos galeguistas que aínda andamos co arado ao lombo sucando nos eidos do minifundio, e cheguemos a ese gran acordo de xuntar as leiras, tal como o fixeron os nosos devanceiros do PG no 1931, recuperando de tal xeito a razón histórica para o engrandecemento do noso país.