O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixe ao Concello e a SUMARTE a conexión urxente da rede de saneamento en Pastoriza tras detectar verteduras a ceo aberto.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo ven de denunciar no pleno un grave episodio de contaminación e «descontrol urbanístico» no municipio. A formación alerta de que a veciñanza de Pastoriza e Oseiro leva meses soportando cheiros insoportables na Travesía de Pastoriza, á altura de Galán, por mor das verteduras fecais sen tratar que a rede municipal baleira nun monte privado situado entre a AC-415 e a AC-552.
Os socialistas consideran «inaudito e insalubre» que o Executivo do PP e a empresa pública SUMARTE concedesen autorizacións de enganche a unha rede de saneamento que sabían que estaba sen rematar e sen conectar á depuradora.
Unha urbanización conectada a unha rede «fantasma»
Segundo explica o portavoz socialista, Martín Seco, ese tramo da rede de sumidoiros quedou sen rematar no seu momento. Porén, tras rematarse a construción dun novo edificio de vivendas na zona da Choupana, o Concello deu luz verde para que a edificación se conectase á rede municipal.
Ao non estar o canal conectado coa rede xeral cara á depuradora, as augas residuais do novo bloque de vivendas verten a ceo aberto cara a un terreo privado, xerando un foco de contaminación a escasos metros das casas de Galán e Pastoriza.
Claves e demandas do PSOE de Arteixo:
- Crítica á xestión municipal: Martín Seco tacha o episodio de «barbaridade urbanística e ambiental», acusando ao Goberno de Carlos Calvelo e á xerencia de SUMARTE de desconocer o mapa real do saneamento no municipio.
- Licenzas sen comprobación: O PSOE denuncian que se concedeu a licenza de primeira ocupación sen verificar si as tubaxes conducían á depuradora ou ao monte.
- Actuación urxente: O grupo municipal solicitou a execución inmediata das obras para canalizar a rede que baixa da Choupana na Travesía de Pastoriza e conéctala á rede xeral.
- Auditoría de planos: Esixen a actualización e revisión completa dos planos de toda a rede de augas residuais de Arteixo por parte de SUMARTE para evitar a concesión de novas licenzas en redes sen saída.