O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañou hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nunha visita aos traballos de vendima que se están a desenvolver na Denominación de Orixe Valdeorras.
Durante o percorrido, ambos os presidentes coñeceron de primeira man o labor dos viticultores e adegas nunha campaña histórica para a comarca, que comezou o pasado 13 de agosto, a data máis temperá rexistrada pola denominación. As previsións apuntan a unha colleita próxima aos 8,5 millóns de quilos de uva, cun excelente estado sanitario e boas expectativas de calidade.
Luis Menor destaca o valor estratéxico do sector vitivinícola para a economía, o emprego e a proxección exterior da provincia, así como o papel do viñedo na conservación da paisaxe, na prevención dos incendios e na fixación de poboación no rural.
O presidente provincial reafirma tamén o compromiso da Deputación coas adegas e viticultores de Valdeorras e coa promoción do viño e do enoturismo como motores de desenvolvemento para toda a comarca.