Rego reclama implicación do Goberno para dar unha solución definitiva a situación da lagoa de Baldaio

O BNG lembra a grave situación deste verán coa morte de peixes, a perda de salinidade e biodiversidade, malos cheiros e a proliferación de insectos provocados polo fechamento da canle que comunica co mar.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado unha solución definitiva para problemática ambiental que sofre reiteradamente a lagoa de Baldaio, no concello de Carballo, un espazo de grande valor ecolóxico incluído na Rede Natura. Rego demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico implicarse na procura dunha solución e que se coordine coa Xunta da Galiza e o Concello.

 “O que sucedeu o pasado mes de xullo foi unha verdadeira emerxencia ambiental e pode volver suceder, por iso non admite máis demora e precisa dunha solución definitiva. Cómpre actuar para evitar que a degradación da lagoa continúe avanzando” sinala Rego, que considera necesario buscar medidas “adecuadas, sustentábeis e respectuosas cos valores ambientais de Baldaio”.

O BNG, por tanto, reclama ao Goberno que inicie contactos coa Xunta de Galiza e o Concello de Carballo para abordar de maneira coordinada a situación e estudar as actuacións necesarias. Rego considera que a solución definitiva debe ter en conta o conxunto do sistema costeiro, incluíndo a dinámica sedimentaria da bocana, o espazo da duna, os ecosistemas e a actividade marisqueira.

O deputado nacionalista sinala que non se trata dun problema puntual. A acumulación de area na desembocadura e o fechamento da canle son fenómenos recorrentes que xa obrigaron no pasado a realizar intervencións de emerxencia. “Non podemos limitarnos a actuar cada vez que a situación chega ao límite. É necesario buscar unha solución estrutural que evite o colapso periódico da lagoa e permita garantir o seu equilibrio natural” afirma.

Rego salienta que os episodios de fechamento e falta de fluxo intermareal teñen, ademais efectos negativos no medio, consecuencias económicas e sociais, especialmente sobre unha actividade marisqueira que xa vén sufrindo os efectos dos fechamentos anteriores e dos temporais do inverno. Así mesmo, os malos cheiros e a proliferación de insectos afectan directamente á veciñanza, mentres que a degradación dun espazo de tanto valor reduce o seu potencial turístico.

“O Estado, a Xunta e o Concello deben deixar de actuar de maneira illada e traballar conxuntamente para recuperar Baldaio. A protección ambiental non pode ser unha escusa para non actuar ante unha situación de degradación evidente, senón o criterio desde o que se debe deseñar unha solución duradeira” conclúe o deputado do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios