A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión co director de Comunicación do Caudal Fest, Esteban Girón, na que acordaron habilitar a Casa do Concello como punto de prepulseración do festival.
A iniciativa permitirá que as persoas asistentes poidan colocarse previamente a pulseira antes de acudir ao recinto. Deste xeito, unha vez no festival, poderán dirixirse directamente ao control de seguridade, reducindo os tempos de espera e facendo máis áxil a entrada.
A prepulseración realizarase na oficina situada na planta baixa da Casa do Concello durante os días mércores 16 e xoves 17 de setembro, nas xornadas previas á celebración do festival.
A medida está especialmente pensada para facilitar a participación da veciñanza de Lugo e contribuír a unha experiencia máis cómoda para as persoas que acudan ao Caudal Fest.
O festival celebrarase en Lugo os días 18 e 19 de setembro e reúne cada ano na cidade a milleiros de persoas, consolidándose como unha das grandes citas musicais do calendario lucense.
Con esta colaboración, o Concello e a organización do Caudal Fest incorporan unha medida práctica para mellorar a experiencia do público e facer máis fluída a entrada ao recinto.