A popular explica que “as actuacións realizáronse para corrixir o que o alcalde deixou abandonar” xa que o Concello é o responsable do mantemento do centro polo que engade que “agora falta o arranxo da cancela, a limpeza dos canlóns de augas pluviais e das instalacións en xeral”.
A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de mellora no CEIP Rosalía de Castro de Mosteiro, en Pol, onde investiu arredor de 30.000 euros para renovar as ventás da aula infantil e arranxar as instalacións da cociña do centro escolar para “corrixir o que o alcalde deixou abandonar”, segundo manifesta a portavoz do PP local, Nicole Grueira, que subliña que “o mantemento do colexio é competencia do Concello”.
Ante o próximo inicio do curso escolar, a popular pon en valor “o cumprimento do compromiso asumido fai uns meses” en referencia á reunión mantida en abril coa directora territorial de Educación, Sagrario Sánchez, que visitou as inmediacións do centro escolar acompañada por Nicole Grueira.
A portavoz do Partido Popular no municipio engade que “agora falta que o Concello faga o que corresponde: o mantemento e limpeza das instalacións incluíndo o arranxo da cancela ou a limpeza dos canlóns de recollida de augas pluviais. Así mesmo, incide en que “tamén falta que o alcalde cubra a praza de conserxe para prestar un servizo esencial para a comunidade educativa”. Grueira lembra que “o alcalde se ten negado a debater este asunto no Pleno do Concello”.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional tamén financia, con cargo aos gastos de funcionamento do propio centro, a ampliación da biblioteca, unha actuación que será executada nas próximas semanas.
Fronte “ao abandono das súas competencias por parte do alcalde”, a popular destaca “a implicación do Goberno galego coa mellora das instalacións do colexio de Mosteiro nos últimos anos”.
A Xunta ten acometido o arranxo do local da ludoteca, as aulas e o comedor, a adecuación do entorno infantil ou o tapiado das vivendas dos mestres “para previr riscos e garantir a seguridade” na zona; xa que “o alcalde non fixo nada”.