O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, contrapuxo hoxe en Fonte dos Ranchos o modelo de transformación urbana promovido polo anterior Goberno fronte á política de “parches e pequenas actuacións” que, ao seu xuízo, caracteriza ao Executivo liderado por Elena Candia.
Fernández reivindicou que o cambio político na Alcaldía non debe servir de escusa para paralizar os proxectos xa deseñados e orzamentados para mellorar a calidade de vida nos barrios.
«Un parque infantil non son só columpios. É onde unha familia baixa cos nenos pola tarde e onde un barrio se encontra e cobra vida. Iso é o que significa transformar os espazos públicos pensando nas persoas«,EXplicou Miguel Ferández
Proxecto integral en Fonte dos Ranchos: parque e pista multideporte
A intervención deseñada para o barrio de Fonte dos Ranchos conta cunha estratexia dobre para optimizar o espazo público:
- Renovación integral da área infantil: Cun orzamento consignado de 220.000 euros nos orzamentos de 2026, prevese unha instalación máis moderna, accesible, inclusiva e adaptada a diferentes idades.
- Pista multideporte na Avenida Marqués de Ombreiro: A apenas 100 metros, transformará o antigo parque deteriorado nunha nova pista de 20,58 x 9,08 metros equipada para fútbol sala, baloncesto e voleibol, con accesos adaptados e pavimentación específica para a xente nova.
Máis dun millón de euros para parques infantís en toda a cidade
Esta actuación forma parte dume planificación máis ampla que reservaba máis dun millón de euros para a rede de áreas infantís da cidade. Entre os proxectos chave destacan:
- Sagrado Corazón: Reforma do parque e zona verde para acompasar a transformación da nova estación intermodal.
- Praza do Camiño Primitivo: Creación dunha nova área xunto ao Carril das Flores vinculada á peonalización da contorna.
- Melloras na rede municipal: Unha partida superior aos 239.000 euros para arranxos parciais no resto dos preto de 80 parques infantís e biosaudables do municipio.
Fernández lamentou que, catro meses despois da moción de censura, o Goberno de Candia manteña unha estratexia baseada en fotos e reparacións puntuais sen visión de conxunto, e adiantou que o PSOE continuará esixindo a execución integral desta planificación.