O PP insiste en esixir ao Goberno de Sánchez e a ADIF solucións urxentes aos problemas na contorna da estación de Oural

López lembra que “xa defendemos iniciativas no Pleno municipal” para esixir unha resposta inmediata por parte do Goberno ante os prexuízos que están a sufrir os veciños de Oural.

O Partido Popular insiste en esixir ao Goberno de Sánchez e a ADIF “unha solución definitiva” ao illamento do barrio da Estación e aos danos ocasionados na contorna con motivo da execución das obras na estación de ferrocarril de Oural, en Sarria.

Os representantes do PP lucense esixirán “unha rectificación” dende o Congreso dos Deputados tal e como se comprometeron Francisco Conde e Jaime De Olano durante unha visita ao barrio xunto cos concelleiros do Partido Popular de Sarria na que os veciños tiveron ocasión de expoñer directamente os problemas de accesibilidade peonil e de vehículos de emerxencias ou servizos ao barrio. Tamén advertiron de danos na fonte ou o risco evidente de inundación no barrio ao non preverse sistemas de evacuación das augas pluviais.

Esta situación xera o illamento do barrio e reiteradas queixas dos residentes das que o Partido Popular deu traslado ao Concello e ao Goberno de España. “Esiximos que o Ministerio de Transportes e o ADIF asuman as súas responsabilidades e corrixan as deficiencias que afectan á vida diaria dos veciños e mellorar a súa accesibilidade antes de ter recepcionada a obra.

”É unha situación insólita que está afectando gravemente á accesibilidade ao barrio da Estación tanto aos peóns como aos vehículos”, manifestou Conde. Pola súa banda, Jaime De Olano afea “esta nova chapuza do Goberno de Sánchez na provincia que teñen que sufrir de preto os veciños e veciñas do barrio da Estación en Oural”.

Os deputados populares inciden en que “as obras nas estacións ferroviarias de Lugo, Monforte e Sarria tampouco foron recepcionadas por ADIF debido ás súas múltiples deficiencias que impiden dar por finalizadas as actuacións. Unha xestión que está a prexudicar gravemente aos usuarios e a conectividade da provincia de Lugo co resto de Galicia e de España”.

SEGUIMENTO PERMANENTE

O Grupo Municipal Popular está a facer un seguimento permanente dos prexuízos das actuacións ferroviarias para os veciños e veciñas deste barrio de Oural. De feito, “tras abordar este asunto no Pleno do Concello conseguiuse a reapertura da rúa ao tráfico e unha mellora no firme, que estaba moi afectado polo tránsito da maquinaria da obra. Pero, a día de hoxe, non existe aínda unha resposta aos problemas de accesibilidade ao barrio e tampouco se resolveron outros danos ocasionados”.

Tralas diversas iniciativas dos populares no Pleno do Concello sobre este asunto que tamén chegou ao Senado a través dos representantes lucenses nesta Cámara, “este é un novo paso para trasladar ao Goberno as reiteradas queixas dos residentes”, segundo asegura a portavoz.

Os populares reafirman o seu compromiso cos veciños do barrio da Estación de Oural e lembran que manterán abertas todas as vías de presión parlamentaria ante o Goberno de Sánchez e ADIF “ata lograr que asuman as súas responsabilidades, executen as obras necesarias para corrixir as deficiencias e devolvan aos residentes unhas condicións de accesibilidade e servizos plenamente dignas”, conclúe Carmen José López.

Comparte éste artículo
No hay comentarios