O PP preguntará polo litixio xudicial aberto contra o Concello de Monforte pola xestión das colonias felinas

Katy Varela lamenta que o goberno local permita que os conflitos coa veciñanza rematen nos tribunais en lugar de resolvelos mediante o diálogo e a xestión.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte preguntarán no vindeiro pleno polo litixio xudicial actualmente aberto contra o Concello por un presunto incumprimento da Lei de Benestar Animal, especialmente no referido á obriga de control e xestión das colonias felinas.

A voceira popular, Katy Varela, explica que, segundo nos trasladaron os propios demandantes, tras presentar diversos requirimentos ao Concello para que cumprise coas obrigas que establece a normativa en materia de benestar animal —aprobada polo Goberno de Pedro Sánchez— e non obter unha resposta efectiva por parte da administración local, decidiron acudir aos tribunais, nun procedemento que actualmente segue en curso.

Katy Varela considera “preocupante” que o Concello de Monforte se vexa novamente inmerso nun litixio xudicial por non dar solución aos problemas da veciñanza antes de que estes rematen nos xulgados.

“É unha mala práctica de Tomé permitir que situacións que poderían resolverse coa xestión e o diálogo acaben converténdose en procesos xudiciais, o que supón un prexuízo para todas as partes, provoca un desgaste innecesario dos servizos municipais e contribúe tamén á saturación da xustiza”, afirmou.

Precisamente para coñecer de primeira man esta situación, os concelleiros populares visitaron unha colonia felina, a situada na rúa do Reboredo, denunciada, segundo indican, desde o ano 2025 sen que, ata o momento, o Concello de Monforte adoptase medidas efectivas para regularizar a súa situación.

Katy Varela considera contraditorio que o goberno de Tomé destinase uns 150.000€ á construción dun canil e, pola contra, non estea a cumprir coas obrigas que a propia Lei de Benestar Animal establece respecto dos animais abandonados e das colonias felinas.

O Grupo Municipal Popular solicitará no pleno explicacións ao goberno local sobre o estado no que se atopa este procedemento xudicial, as actuacións realizadas ata o momento e as medidas que pensa adoptar para garantir o cumprimento da normativa vixente e evitar que continúen producíndose situacións similares no futuro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios