Xosé Edrosa Leal
Unha das primeiras medidas que tomou a nova alcaldesa de Lugo, Elena Candia, foi retirar a bandeira de Palestina do “Vello Cárcere”, un símbolo de solidaridade do pobo de Lugo coa Palestina arrasada polas bombas de Israel e os EE UU, no que foron asasinadas 75.000 persoas, entre as que se contan 30.000 nenos e nenas, ao que se suma a destrucción material dun pobo. Un auténtico xenocidio levado a termo por un pobo que sufriu nas súas propias carnes unha das meirandes atrocidades da historia, perpetrada polo nazismo na Segunda Guerra mundial (1939-1945). Aquel feito despiadado foi o paradigma da crueldade e sen razón para toda unha xeneración, entre a que me conto. Por iso, a nosa perplexidade ante este feito é de proporcións insoportables; un dilema que afecta aos sentimentos e crenzas máis fondos, como é ver a un pobo que sufriu un xenocidio, agora convertido en xenocida, algo que non entra na razón e na lóxica do comportamento humano. Un dano que Benjamín Netanyahu e a plutocracia sionista, antes ou despois, deberán dar contas ante a xustiza, tal como sucedeu cos responsables nazis no xuízo de Nuremberg.
Por iso, o goberno anterior do concello de Lugo, previo acordo plenario, colocou aquel símbolo de solidaridade neste lugar de memoria, motivo polo que non resulta entendible que nada máis chegar a señora Candia á alcaldía, vía decreto, elimine este símbolo, congraciándose con este xesto cos sátrapas Benjamín Netanyahu e Donald Trump. Descoñezo, obviamente, as razóns de urxencia de tal medida, a non ser que a retirada daquela bandeira formara parte das voces de clamor que a mindoniense decía escoitar nas súas noites de insomnio. Tamén puido ser unha maneira de acoutar o terreo a VOX, afortunadamente aínda pouco visible na cidade das murallas.
Dicíamos daquela bandeira que ondeaba no Vello Cárcere, un símbolo de solidaridade do pobo de Lugo coa Palestina vítima do xenocidio que estamos a presenciar en pleno século XXI, unha regresión vergoñenta que debería horrorizar á nosa condición humana; un símbolo, pois, que honraba e ennobrecía ao pobo de Lugo erixido na defensa dunha causa xusta, amosando o seu rexeitamento ao terror e latrocinio consumados na Franxa de Gaza. Pero o máis arripiante é cavilar nas motivacións políticas e ideolóxicas que levaron á máxima autoridade institucional e representativa do pobo de Lugo a despoxar aquel símbolo, feito que supón a súa vontade de situarse a carón dos xenocidas Benjamín Netanyahu e Donald Trump. Un feito polo que a cidadanía lucense debe facerse unha reflexión, máxime cando os protagonistas están levando o mundo á regresión máis espantosa, o imperio da guerra e do mal. Unha factura tanto moral como material que estamos a pagar todos e todas, agás a minoría que se enriquece con este negocio perverso.
Por moi espantosos que sexan os feitos que estamos a vivir, que o son, as críticas e denuncia que se están a verquer neste artigo, en ningún caso van dirixidas aos pobos e, moito menos, ás razas ou etnias que os integran, senón aos seus dirixentes e responsables que cometen tales atrocidades. Mais tamén xusto é apelar á responsabilidade cívica e democrática da cidadanía gobernada por tales dirixentes, pois de non actuar en consecuencia convertiríanse en cómplices de tales accións. Esta apelación á responsabilidade debe ter como fundamento a paz e o progreso no mundo no sentido rawlsiano, creando ou, no seu caso, fortalecendo as bases do dereito internacional dun xeito amplo e efectivo, baseado na primacía dos dereitos humanos. Este dereito deberá estar, pois, necesariamente, alicerzado á escala humana, no que se recoñezan os dereitos das xentes e dos pobos do que é destinatario; a defensa e protección global do medio ambiente a nivel planetario, a casa común como atinadamente definiu o Papa Francisco. Para conquerir tal obxectivo deben implementarse reformas lexislativas e institucionais que garantan o respecto e a independencia dos estados, nacións, unións, federacións, confederacións e pobos que integran as diversas realidades constitucionais, en plano de igualdade, proporcionalidade, reciprocidade e equidade; a desaparición do privilexio que supón o dereito de veto, unha patente de corso que impón as políticas dos poderosos, rompendo os principios básicos da democracia, a igualdade, equidade, efectividade e a propia soberanía institucional. Para este labor de rebelión cívica, resulta imprescindíbel o concurso da nosa mocidade, pois ela é o futuro e, por canto, a principal afectada. Comprometerse é o seu deber.
Partindo de que non existen guerras xustas, xa que significa a perda da razón que caracteriza ao ser humano como tal, e que só queda a besta inmunda. Pero unha vez que a razón é sustituída polo poder e a forza, con auténtico desprezo á Lei, aos Dereitos Humanos e valores que están en xogo, exemplo do pobo gazatí, que se xoga a súa propia liberdade e o dereito de existir como tal. Que oportuna aquela sabia expresión latina! Detae leges, ne fortior omnia posset, o que traducido á nosa lingua, ven a dicir: As leis fixéronse para que o poderoso non o poda todo. Unha realidade incontestable a que, permítame amable lector/a, ilustrar dende o pensamento clásico, pois xa Platón interactuando coas teorías do historiador e militar Tucídides, respecto ás guerras contra o imperio persa e ás interiores gregas coñecidas como “guerra do Peloponeso”, referíndose á dramática exposición feita polo historiador e militar sobre os efectos da guerra, cuestión á que o filósofo grego amósalle certas dúbidas, e pregúntase: “ Todas as guerras son capaces de provocar esa situación caótica? En principio semella que non”, di. E ponlle como exemplo o caso grego, despois das longas guerras contra os persas, afirmando que non se viron inmersos na anomía, nin na anarquía descritas por Tucídides. Todo o contrario e ponlle e ponlle como exemplo as guerras de Maratón, Salamina e Platea, as que “contribuíron ao enriquecemento dos valores gregos, do orgullo de sentirse pertencentes a un pobo, unha razón capaz de vencer, dende a súa insignificancia ao máis grande dos imperios coñecidos”. Segue afirmando Platón “ Salamina fortaleceu a fe dos gregos en sí mesmos e na democracia como réxime político”. Chega á conclusión o filósofo, e faise a seguinte pregunta “Haberá que distinguir, entón, entre clases de guerras? A loita contra os persas representaba a alternativa da liberdade fronte á escravitude. E ese sentimento de liberdade uníu aos gregos e convenceunos de que o respecto a Lei era o fundamento da vida en liberdade”.
Dous mil cincocentos anos despois, as reflexións do filósofo grego cobran rabiosa actualidade no conflicto de Oriente Medio, pois a guerra uníu ao pobo de Irán, e Palestina non desaparecerá. Namentres, o imperio, ata o de agora, máis poderoso do mundo, liderado por un narcisista maligno, tal como o definiu o eminente psiquiatra Otto Kernbrg, segue, inexorablemente, os pasos do imperio persa, amosando a súa sen razón, incoherencia, debilidade e fraxilidade.
Neste mesmo contexto, Platón segue reflexionando sobre a guerra entre Atenas e as ciudades gregas, a que Tucídides denominaba “guerra do Peloponeso”, considerándoa “… a expresión ao servizo da cobiza e a ambición dos gobernantes. É a manifestación do tránsito da hexemonía moral gañada por Atenas na guerra contra os persas, ao imperialismo marítimo, que só favorecía a certos estamentos sociais: políticos, comerciantes, fabricantes, etc. O pobo nunca se sentiu integrado nesa política. Nin a entendeu, nin a xustificou. Unicamente a padeceu “. Remato coa maxistral conclusión que sobre estes feitos nos fai o filósofo Aniceto Núñez no seu libro “Atardecer en Atenas”. “ Teño para min que a liberdade é a chave deste dilema: a que defende a liberdade é rápidamente aceptada polo pobo. Polo contrario, a guerra que arremete contra a liberdade só favorece aos políticos e aos poderosos, sendo rexeitada polo pobo, que se atopa inerme e desamparado ante a mesma”. Estas son as guerras que está promovendo Donald Trump e os seus aliados.
Botando unha ollada retrospectiva aos tempos de Platón, semella que aquel filósofo nado no berce da democracia estaba cavilando no mundo de hoxe e nun tal Donald Trump e nos seus compinches espallados polo mundo, coa bomba na man armando guerras en beneficio dos seus negocios e dos amigos que o acompañan nesta fatal aventura; outros coa motoserra, símbolo dos recortes dos dereitos conquistados pola cidadanía. Todo elo a prol de facer máis fortes e poderosos aos que xa o son e o teñen todo. Un feito incontestable ao que, deliberadamente, contribúe o pensamento e conseguinte posicionamento político homologado do grupo que hoxe ostenta o goberno do concello de Lugo, o mesmo que ollaba naquela bandeira, símbolo do rexeitamento ás políticas de terror e aniquilación inferidos contra o pobo gazatí, hoxe extendido a outros lugares de Oriente Medio, poñendo en perigo a paz e a orde mundial. Esta ousadía da nova alcaldesa e presidenta provincial do PPdeG, amosa o seu perfil máis nefando a favor das políticas imperialistas, con feitos consumados de lesa humanidade, protagonizados polo consorcio Netanyahu-Trump na procura de favorecer os seus turbios intereses, exhibidos sen ningún recato e disimulo, pois mentres Netanyahu sementaba a destrucción, terror e morte na Franxa de Gaza, vimos a un Donald Trump exhibindo impúdicamente unha infografía saída do seu imaxinario delirante e perverso, aquel luxoso resort no que se convertiría Gaza unha vez destruído e arrasado o seu territorio. Unha imaxe repugnante e ferinte, que representa a catadura moral do seu autor, a imposición do imperio do mal, ou como diría Alba Guzmán Falcón (unha brillante estudanta da Universidade de Vigo) “ o alumno avantaxado do demo”. Son estes o referentes da señora Candia e do seu equipo de goberno? Onde quedan os principios e valores dos que nos falou no seu lacónico discurso de investidura? Estraña maneira de acreditar a axioloxía dos seus principios e valores. Un feito que debería preocuparnos a toda a cidadanía en xeral, pense como pense, pois co noso voto podemos agrandar ou diminuir a cada vez meirande fenda do mal.
Lamentablemente, a señora Candia non está soa neste posicionamento, pois forma parte da estratexia que adoita o PP a nivel xeral, facendo de seu o ideario da extrema dereita (ao que o señor Rueda xa lle tén outorgado carta de natureza e normalidade en Galiza). Unha estratexia que parte da seguinte premisa, pois pensando e facendo o mesmo cá ela, non existe razón para a súa existencia. Esta parece ser a conclusión á que chegou o “ moderado e hábil xestor” dos Peares, atributos perfectamente colocados ante a opinión pública, obviamente, coa indispensable axuda dos medios de comunicación untados.
O que sí cómpre recoñecerlle ao líder do PP é a súa sutil abelencia na contratación da obra pública, sobre todo, no que atinxe á adxudicación a favor de familiares e afíns. Os exemplos son abondosos, escribíronse e publicáronse libros sobre a materia; os contratos a favor da súa irmá son suntuosos e exponenciais. A multiplcación dos pans e os peixes! O exemplo da reconversión das caixas de aforros galegas é o seu paradigma de como se xestionan os bens públicos. Para poñerse a tremer!
Resulta igualmente sorprendente e preocupante a súa singular desorientación e falla de rigor nos seus plantexamentos e propostas no seu exercicio de oposición ao Goberno. Ningún candidato á presidencia do país se tén prodigado con tanta elocuencia e afouteza. Un síntoma só explicable dende unha perspectiva psicolóxica: a súa cegueira obsesiva producida pola avidez de chegar ao poder ao prezo que sexa.
É certo que o PP non está nas mellores condicións obxectivas para ser alternativa de goberno, tanto a nivel interno como externo, pois os seus referentes son descriptibles. Por iso, a súa estratexia é a de adicarse a meter leña verde na cacharela do PSOE (el que pueda hacer que haga), facer fume para que escureza o horizonte e non se vexan as vergoñas do PP, obxectivo que vai conquerindo grazas á cooperación necesaria dos poderes fácticos e mediáticos que operan consecuentemente. O exemplo máis palmario foi a aniquilación predeterminada do Fiscal Xeral do Estado, señor García Ortiz, utilizando fundamentos ex novo non previstos no dereito e na xurisprudencia penal, considerando que o feito punible foi cometido polo xusticiable ou por alguén da súa contorna. Ou sexa, non estaba probada a autoría do feito punible. Onde queda aquela máxima pola que “ Melius est impune delictum relinquere quam innocentem damnare” ( É mellor deixar un delito impune que danar a un inocente). E mentres todo isto sucede, os gravísimos casos vivos que afectan ao PP, como o Kitchen, Montoro, etc., en cámara lenta e agardando pola xustiza baixo o tupido veo da discrecionalidade selectiva que opera dende as altas instancias dos que poden facer, e fan. Teño a plena convicción de que no caso de García Ortiz, antes ou despois, vaise facer xustiza, mais o dano xa está consumado e o obxectivo cumprido.
A todo este estado de cousas, súmase agora o último episodio que afecta directamente ao territorio español e á propia Unión Europea (UE), como foi a violación das fronteiras de Ceuta e Melilla, feito polo que imos vendo non foi alleo o dúo maligno Trump-Netanyahu, utilizando para tal acción ao tirano alauita, Mohamed VI, empurrando a milleiros dos seus súbditos inermes e desesperados (entre eles menores) pola pobreza sistémica na que tén mergullado ao seu pobo. Unha trampa mortal na que perderon a vida ducias de cidadáns do país veciño, ao día de hoxe aínda sen poder cuantificar. Todo elo co fin de desestabilizar ao goberno progresista de España que tanto lles preocupa e estorba aos homes da guerra. Paradoxo! Un deles autoproclamado a Nobel da Paz. Ante este triste e lamentable episodio , non podía faltar o concurso fatuo das dereitas españolas, pois cando a tormenta xa tiña amainado aparecen os salvapatrias de pulseira e regalía, sementando o acostumado rancor e odio. Unha oportunidade perdida do aspirante das dereitas a gobernar este país, pois en vez de amosar altura e sentido de Estado, achega máis leña ao lume, compartindo discurso e talante cos seus socios preferentes da extrema dereita. Non tén remedio!
É certo que o Goberno de España exonera a Marrocos de tal responsabilidade, postura que semella ter máis que ver con razóns de oportunidade diplomática predeterminada pola realidade fáctica concurrente, e a solución máis realista e menos traumática do problema que co fondo que provocou o éxodo migratorio sobre a cidade española de Ceuta. Iremos vendo a súa evolución.
Cómpre aclarar que Trump tén fundados motivos para estar amolado co presidente Sánchez, abofé que sí, pois estalle a pór atrancos a todos os seus caprichos, que non son poucos. Din que Trump é un home imprevisible nas súas decisións, pois non, depende en que cousas. En cuestión de negocios (que é para o que veu á política) é perfectamente previsible, e trata de acadar beneficio alí onde pode meter a culler. Lembren prezados lectores/as a súa política de aranceis; esixir a todos os países da Otan un 5% (PIB). Un negocio redondo, logo da guerra e do armamento xa se encargaría él dende a sede do imperio. Mais para conquerir tal obxectivo é necesario un novo orde planetario, que pasa por cargarse o Dereito Internacional e as institucións erguidas ao seu abeiro, e que serviron de base de contención despois das dúas Guerras Mundiais (1914-1918 e 1939-1945), as que se cobraron máis de cen millóns de mortos, ademais da destrucción material dos países que a sufriron ; a desaparición sistemática do Estado do Benestar e conseguinte abolición dos dereitos adquiridos pola cidadanía, son outro dos seus obxectivos; un labor encomendado aos novos partidos emerxentes da extrema dereita, utilizando como símbolo dos drásticos recortes a motoserra exhibida por Milei na Arxentina, sumida na máis absoluta miseria. Aquel artefacto cortante, símbolo da poda de dereitos xa foi presentado no Congreso dos Deputados polo señor Figaredo (VOX), o socio preferente do señor Feijóo, así o tén recoñecido expresamente e de facto. Avisados estamos!
Este será, en síntese, o novo orde se os demócratas non actuamos en consecuencia, logo será tarde, un ultraliberalismo no que a soberanía reside nas élites do poder establecido á marxe do pobo e da cidadanía que o integra. Unha orde pensada á marxe da escala humana e a ética que debe informar o sistema político e a gobernanza das nacións, con pleno respecto aos Dereitos Humanos como marco de convivencia.
Mais esta ameaza non remata nos parámetros anunciados, transcende a nivel planetario; o negacionismo climático contra toda evidencia científica e a propia realidade fáctica que xa nos ofrece os seus sinais, é outro dos seus obxectivos, e con elo o deterioro do medio ambiente, a destrucción dos bosques, a diversidade xenética, a polución dos mares, lagoas e ríos, a choiva ácida, o efecto invernadoiro, a reducción da capa de ozono, o quentamento global incompatible coa vida humana, a ameaza do holocausto nuclear e os efectos da guerra na que estamos inmersos, son o preludio da destrucción do planeta, e con ela a extinción e sufrimento da especie humana. Unha concatenación de feitos que non representan ningunha esaxeración, senón a evidencia dunha realidade que estamos a vivir no día a día, e que se deben tomar medidas urxentes e reais para atallar o caos. Léanse os pactos suscritos polas dereitas nas Comunidades Autónomas onde gobernan con VOX, o negacionismo e a insubordinación aos convenios e tratados internacionais suscritos polo Reino de España e a UE nesta materia, son unha condición sine qua non. Por iso, calquera manifestación ou feito neste senso, incluída a retirada da bandeira de Palestina do Vello Cárcere, non son casualidades vacuas, senón a constatación dun posicionamento político que vai na dirección do novo imperio, deseñado polas élites que informan as políticas de trumpismo populista da extrema dereita, o neofascismo do século XXI. A última manifestación, a formación do novo goberno de Colombia.
Este estado de cousas que se está a imprantar sen complexos da súa condición ideolóxica, asentado en potentes alicerces do poder económico, fáctico e mediático, feito que facilita os seus obxectivos, poñendo en perigo o equilibrio e a paz no mundo. Unha situación que, malia ás facultades que lle outorgan tales poderes, os sinais de preocupación e alarma son evidentes, incluso a Igrexa Católica está a denunciar con claridade, valentía e contundencia esta barbarización do mundo. Mais fronte a esta institución relixiosa universal, non debemos ignorar nin confundir con outras correntes que se din do mesmo signo, máis renden culto a outros “profetas” paganos, que o seu deus é o poder terreal e os cartos. O mundo enteiro puido contemplar con abraio as solemnes manifestacións cirimoniais de imposicións de mans a Donald Trump. Que Deus os colla confesados!
Nembargantes neste contexto de crise mundial sería desexable que as tres relixións abrahámicas (Cristiá, Xudea e Musulmana) fixeran un grande esforzo conxunto, ofrecendo a súa fe como luz e esperanza neste camiño lóbrego, pois como alguén dixo “nunca se pode entender a fe xudea, cristiá ou musulmana, coma un berro contra os demais, coma un berro contra a razón”. Se así o facedes, sería unha louvanza a ese único Deus misericordioso ao que profesades a vosa fe. Un exemplo de amor para humanidade, unha humanidade en trance de deshumanización con guerras, inxustiza e desprezo á vida.
Voltando aos eidos da alcaldesa de Lugo, e tendo en conta que un servidor síntese máis identificado coas prédicas do bispo de Mondoñedo-Ferrol que cos cegos seguidores do trumpismo e as súas xaculatorias, unha suxerencia que fago extensiva á miña precitada protagonista, dona Elena, pois antes de volver a vela postrada de xeonllos ante o Altísimo na Catedral Basílica de Lugo, sería bo que tivera unha fonda plática no tocante a valores co seu anterior bispo de Mondoñedo-Ferrol, señor García Cadiñanos, previa lectura do seu artigo “ Mi reflexión ante Ceuta “. Seríalle moi beneficiosa para a humanización do seu discurso, e tamén para a praxe política neste tempo de polarización e saña.
Despois desta longa disquisición, abuso e paciencia dos lectores/as que se aventuraron chegar ata este punto, deferencia e esforzo do que lles quedo agradecido. Pecho este artigo co meu pensamento na Franxa de Gaza, coa imaxe imborrábel de dous nenos gazatís bulindo na miña retina, camiñando desorientados e ateigados de pavor por aquelas ruínas despois dun bombardeo no que perderon o contacto dos seus proxenitores. Unha imaxe que deu a volta ao mundo, a daquelas dúas crianzas, o maior que non debía chegar aos dez anos, co seu irmanciño pequeño ao cabalete do seu fráxil ombreiro, chorando e clamando polos seus pais. Non son quen de borrar aquela imaxe que reflicte tantas outras, incluso con peor sorte. canto sufrimento e desolación! E aí están, unidos ao meu pensamento e no corazón. Éncheme de ledicia saber que aquelas crianzas ao final tiveron a sorte de atopar a papá e a mamá. Por elo, para min e para moitos e moitas, aquela bandeira de Palestina erguida no Vello Cárcere, representaba todo iso, a solidaridade ante o sufrimento e a desolación, unha causa como xa se tén dito, engrandece e ennobrece a quen amosa tal sentimento, o pobo de Lugo así o simbolizou. Por iso, señora alcaldesa, permítame apelar a aqueles valores que lle ensinaron dende o berce, faga honor aos mesmos, ordeando a volta daquela bandeira ao lugar acordado pola Corporación en Pleno. Rectificar é de sabios.
Os valores, señora Candia, non son unha simple invocación abstracta para lucimento do noso relato, senón a expresión acreditada dos principios e virtudes que deben guiar o noso comportamento e decisións na vida, constituíndo unha unidade entre pensamento e ser. Un axioma que en palabras doutro clásico, Lucio Aneo Séneca, locen o lustre do tempo e da sabiduría “… el sumo bien es la concordia del alma; porque las virtudes deberán estar allí donde hubiere consenso; la disidencia es propia de los vicios”.