A Laxe sen lonxa: o BNG exixe explicacións ante o peche dun símbolo da identidade mariñeira local

O BNG de Laxe denuncia publicamente a dramática situación que supón o peche da lonxa do municipio, un feito que cualifican de golpe directo á historia, á economía e á identidade mariñeira da vila. A formación nacionalista considera inaceptable a falta de respostas ante a fin da actividade nun espazo fundamental para xeracións de veciños e veciñas.

Dende o BNG remarcan a incoherencia das últimas actuacións institucionais: «Hai apenas unhas semanas, o 8 de agosto, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, era nomeada Embaixadora dos Peixes e Mariscos da Lonxa de Laxe. Falábase de pesca artesanal, de produto local e de poñer en valor o noso sector. Hoxe, poucas semanas despois, a lonxa bota o peche».

A esta situación súmase a xestión dos recursos públicos. Recentemente concedéronse 29.140,17 € para un proxecto de promoción dos peixes e mariscos da lonxa local, un investimendo que contrasta coa realidade que vive a frota dende hai tempo, obrigada a comercializar as súas capturas noutros portos como A Coruña ou Ribeira.

Ante esta realidade, o BNG traslada unha serie de preguntas urxentes que requiren claridade inmediata:

  • Causas do declive: Por que deixou de ser rendible vender o peixe no propio porto e que fallou ao longo destes anos para chegar a esta situación?
  • Falta de prevención: Que medidas se tomaron durante este tempo para evitar o desmantelamento da actividade?
  • Impacto económico: Que vai pasar coa hostalería e o comercio local que se abastecían directamente do produto da lonxa?
  • Inacción municipal: Pediu o Concello de Laxe explicacións á Confraría? Ten previsto algún plan de acción para tentar recuperar a actividade?

«Unha lonxa non é só un lugar onde se comercializa peixe; en Laxe forma parte da nosa historia e da nosa identidade. Poñer en valor a pesca local non pode quedar en actos de cara á galería, campañas de foto e nomeamentos baleiros. Laxe merece explicacións transparentes e, sobre todo, a súa lonxa merece un futuro», conclúen dende o BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios