Suso de Toro está a ser perseguido por expresar publicamente posicións políticas e de solidariedade cun pobo que está a sufrir un xenocidio, afirma o deputado do BNG.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado adoptar todas as medidas necesarias para protexer o dereito á liberdade de expresión, opinión e publicación ante a nova causa aberta contra o escritor galego Suso de Toro polas súas denuncias do xenocidio cometido polo Estado sionista Israel contra o pobo palestino.
Segundo a información difundida pola organización ACOM (Acción e Comunicación sobre Oriente Medio), a Audiencia Provincial de Madrid tería deixado sen efecto o sobresemento provisional da causa iniciada hai dous anos a raíz dunha denuncia deste lobby contra o escritor, por un presunto delito de incitación ao odio antisemita.
Rego advirte que esta situación implica un novo intento de criminalizar as posicións de solidariedade co pobo palestino e as críticas ás políticas do Estado de Israel, e considera especialmente grave que o propio Suso de Toro coñecese a reapertura do procedemento a través dos medios de comunicación, sen ter recibido, polo momento, comunicación oficial do órgano xudicial.
“Non se pode confundir antisionismo con antisemitismo nin converter a denuncia do xenocidio que está a sufrir o pobo palestino nun delito de odio. Defender os dereitos do pobo palestino, denunciar as actuacións do Estado de Israel ou cuestionar unha ideoloxía política como o sionismo forma parte do exercicio da liberdade de expresión” sinala Rego.
O deputado nacionalista considera que o caso de Suso de Toro non é un feito illado, senón que se insire “nun contexto de crecente persecución de persoas e colectivos que expresan publicamente a súa solidariedade con Palestina e denuncian as actuacións de Israel”. Neste sentido, reclama ao Goberno garantir que ningunha persoa sexa perseguida por exercer de maneira pacífica e democrática os seus dereitos fundamentais.
“É especialmente preocupante que se pretenda utilizar o delito de odio para perseguir opinións políticas e expresións de solidariedade co pobo palestino. O Goberno debe actuar para garantir a liberdade de expresión e impedir calquera utilización abusiva dos mecanismos do Estado contra quen denuncia o xenocidio” afirma o deputado nacionalista.
O BNG demanda, tamén, explicar que medidas está adoptando para protexer a liberdade de expresión, opinión e publicación das persoas que denuncian publicamente as agresións e o xenocidio en Palestina, así como que actuacións ten promovido, nomeadamente desde o Ministerio do Interior, para evitar posíbeis persecucións por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado contra persoas ou colectivos que se manifestan pacificamente en defensa de Palestina.
Do mesmo xeito, urxe o Goberno a deixar claro que a denuncia do sionismo e a defensa do dereito do pobo palestino á liberdade, á paz e á súa existencia non constitúen, por si mesmas, ningún delito de odio, e que adopte todas as medidas necesarias para garantir o exercicio efectivo dos dereitos fundamentais.
“O Estado español debe protexer as persoas que exercen a súa liberdade de expresión, non contribuír á súa criminalización. Suso de Toro está a ser perseguido por expresar publicamente posicións políticas e de solidariedade cun pobo que está a sufrir un xenocidio. Isto debe preocuparnos a todas e todos e, especialmente, ao Goberno, que ten a responsabilidade de garantir os dereitos fundamentais” conclúe o deputado do BNG.