A iniciativa do BNG reclama revisar a Política Pesqueira Común, recorrer a sentenza europea sobre artes de fondo, frear os parques eólicos mariños e reducir o IVE do peixe a 0%, entre outras cuestións.
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no pleno do Congreso unha moción consecuencia de interpelación en que demanda ao Goberno do Estado adoptar medidas urxentes para apoiar e reforzar o sector pesqueiro galego, “un sector estratéxico para a economía e o emprego na Galiza, que sofre unha continua perda de capacidade e de apoio institucional”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advirte que “sen unha mudanza profunda nas políticas europeas e estatais, o futuro da pesca galega está en risco” e reclama “un compromiso real e efectivo coas traballadoras e traballadores do mar”.
“A pesca é unha actividade esencial para milleiros de familias galegas, que mantén viva a nosa economía costeira e garante un alimento básico e saudábel. O Goberno debe deixar de mirar cara a outro lado e actuar de inmediato para protexer o sector e asegurar a súa continuidade” sinala Rego.
Reforma da Política Pesqueira Común e recoñecemento da Galiza como zona altamente dependente
A moción presentada polo BNG propón revisar e modificar as bases da Política Pesqueira Común (PPC), comezando polo principio de estabilidade relativa, “que prexudica historicamente á frota galega e impide un reparto xusto das cotas”.
Así mesmo, o texto insta o Goberno a avanzar no recoñecemento da Galiza como Zona Altamente Dependente da Pesca, o que permitiría un maior acceso a cotas, financiamento e participación directa nas decisións en materia pesqueira.
“A Galiza debe ter voz propia en Bruxelas para defender os seus intereses. Non é aceptábel que decisións que afectan directamente ao noso futuro se tomen sen contar con nós” afirma o deputado nacionalista.
Recurso á sentenza europea sobre as artes de fondo
O BNG tamén reclama que o Goberno recurra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que avala a prohibición da pesca con artes de fondo en 87 zonas do Atlántico, “unha decisión inxusta e adoptada sen base científica rigorosa, que equipara o palangre co arrastre de fondo”.
A moción inclúe ademais a exixencia de rexeitar calquera proposta de ampliación das zonas vedadas ás artes de fondo, garantindo que todas as decisións futuras se adopten sobre a base de estudos científicos e avaliacións socioeconómicas que aseguren a sustentabilidade e o equilibrio dos ecosistemas mariños.
Medidas concretas en defensa da frota galega
“Unha moratoria para a regulación da enerxía eólica mariña, até coñecer os informes do Instituto Español de Oceanografía sobre o seu impacto no sector pesqueiro e nos ecosistemas” recolle a moción consecuencia de interpelación do BNG. Do mesmo xeito, procura o apoio dos grupos políticos para que o Goberno do Estado reclame á Unión Europea o incremento do TAC da sardiña para 2026, negociar un novo reparto equilibrado con Portugal e eliminar a compravenda de cotas.
Segundo explica o deputado do BNG e recolle a iniciativa, o executivo estatal debe manter abertas e reforzar as oficinas do Instituto Social da Mariña (ISM) na Galiza, cubrindo o persoal facultativo e garantindo a oferta suficiente de cursos obrigatorios.
Así mesmo, a moción exixe dar cumprimento á Lei de Pesca Sustentábel, elaborando un Catálogo de Enfermidades Profesionais, promovendo convenios colectivos dignos e adaptando o sistema de voto ás necesidades do persoal embarcado.
Reducir o IVE do peixe e dos produtos pesqueiros ao 0%, por seren alimentos básicos e de primeira necesidade, favorecendo unha dieta saudábel e o consumo interno. “Rebaixar o IVE do peixe é unha medida de sentido común: favorece o consumo dun produto saudábel, reduce o gasto sanitario e mellora os ingresos das familias e das confrarías” subliña Rego.
“A pesca galega necesita accións, non boas palabras”
Rego insiste en que “a pesca galega non pode seguir sufrindo a desidia das administracións” e chama o Goberno a actuar con decisión e valentía.
“A pesca galega non precisa discursos, precisa accións. O Goberno debe defender os intereses da nosa frota e das persoas traballadoras do mar fronte ás imposicións de Bruxelas e ás políticas que poñen en perigo a súa supervivencia” enfatiza o deputado nacionalista.
O BNG confía en que a moción obteña o apoio da maioría da cámara “para poñer fin á discriminación histórica que sofre Galiza no ámbito pesqueiro e garantir un futuro digno e sustentábel para o sector”.