O Concello aborda con Lugo Patrimonio novas iniciativas para reforzar o turismo cultural e poñer en valor o patrimonio de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo un encontro de traballo con representantes de Lugo Patrimonio para coñecer as súas propostas e analizar novas vías para seguir poñendo en valor o patrimonio da cidade como elemento de identidade, recurso cultural e atractivo turístico.

A reunión permitiu abordar diferentes iniciativas relacionadas coa Muralla, a arqueoloxía, os espazos culturais e a divulgación da historia de Lugo, nunha liña de traballo que busca seguir mellorando a experiencia das persoas que visitan a cidade e, ao mesmo tempo, achegar o patrimonio á propia cidadanía.

Entre as propostas trasladadas por Lugo Patrimonio figura o impulso da Ronda Interior da Muralla, entre a Rúa Nova e a Porta de San Fernando, así como diferentes iniciativas para reforzar a súa presenza como Patrimonio da Humanidade. Neste sentido, propuxeron incorporar o anagrama de Patrimonio da Humanidade na Mosqueira e na Porta de San Fernando, elaborado con flores.

Un patrimonio arqueolóxico para coñecer e interpretar

No ámbito arqueolóxico, a asociación apostou por continuar coas escavacións de Santa Eulalia de Bóveda e por poñer en valor os xacementos da Sala Porta Miñá e da Casa Hospital de San Miguel, coa creación dun centro de interpretación que permita explicar o conxunto e mellorar a súa difusión.

Neste punto, a alcaldesa informou de que o Concello ten xa en licitación a renovación das ventás arqueolóxicas, unha actuación destinada a mellorar as condicións de conservación dos restos.

Máis aproveitamento dos espazos culturais

Lugo Patrimonio trasladou tamén propostas para avanzar no uso cultural do Pazo de Dona Urraca e do Hospital de San Miguel da Tinería, así como para mellorar o aproveitamento do MIHL, que consideran actualmente infrautilizado.

Tamén se abordou a mellora das proxeccións da sala do Vello Cárcere e a posibilidade de organizar xornadas de divulgación sobre a historia e a arte de Lugo, aproveitando o coñecemento das persoas vinculadas á asociación dirixidas a guías de turismo.

Lugo Patrimonio tamén trasladou unha proposta para a posta en valor do patrimonio natural de Lugo, vinculada á recuperación das vistas sobre a Ponte Romana e o val do Miño desde a zona da pérgola do Parque Rosalía de Castro, cuestión xa recollida nun escrito presentado en marzo de 2026 pola asociación e pola Delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

Un patrimonio que tamén é turismo cultural

A alcaldesa destacou que encontros como este permiten incorporar novas propostas e coñecer diferentes visións sobre como seguir aproveitando o patrimonio de Lugo.

“Lugo ten un patrimonio excepcional e temos que seguir traballando para conservalo, pero tamén para poñelo en valor, explicalo e facelo accesible. O patrimonio é cultura, é identidade e tamén é unha oportunidade para seguir medrando como destino de turismo cultural”, sinalou Elena Candia.

Finalmente, ambas as partes coincidiron na importancia de seguir avanzando na procura de fórmulas de colaboración para a xestión e promoción do patrimonio, incluída a posibilidade de avanzar cara a un consorcio para a xestión patrimonial

Comparte éste artículo
No hay comentarios