O BNG pide reforzar os vieiros escolares seguros no inicio do curso en Lugo

A concelleira do BNG , Iria Buide afirmou que co comezo do novo curso o Goberno Municipal ten que dar continuidade ao proxecto «Camiño ás Aulas», os Vieiros Escolares Seguros que puxo en marcha o BNG desde o goberno da cidade e que permiten ás nenas e nenos de distintos centros de ensino chegar desde os seus fogares ata o colexio a pé, «nun percorrido que fomenta hábitos saudable e permite ás nenas e nenos desfrutar dos espazos peonís de Lugo».

O servizo, con vocación de expandirse, prestouse nos últimos anos nos colexios Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai, Rosalía de Castro e As Mercedes, e Iria Buide lembrou que os vieiros escolares «facilitan a conciliación familiar, ademais de reducir o tráfico rodado na contorna dos colexios». O proxecto elaborado polo BNG desde a área de Educación consiste no acompañamento do estudantado por monitores todos os días do curso escolar. Cada ruta conta con distintos puntos de recollida para facilitar que as nenas e nenos se unan ao percorrido no punto máis próximo ao seu fogar, e a chegada aos centros realízase, como máximo, 5 minutos antes da hora de entrada.

A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén «un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado», explicou Iria Buide. O cambio do modelo de mobilidade, ao que se unen as medidas de calmado de tráfico executadas tamén polo BNG desde o goberno, permitiron que os distintos centros poidan contar con vieiros escolares garantindo a seguridade viaria ao desfrutar dun tráfico calmado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios