O PP esixe ao Ministerio de Transportes e a Adif que restitúan as frecuencias ferroviarias perdidas e garantan enlaces fiables

Katy Varela explica que a suposta mellora das conexións con Madrid limitouse a un cambio de horario que supuxo a desaparición doutra frecuencia, pasando a tren das 11:20 horas ás 05:18 horas.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte defenderán no vindeiro pleno unha moción na que insta ao Ministerio de Transportes e a Adif a recuperar as frecuencias ferroviarias perdidas e a mellorar a calidade do servizo que reciben os usuarios da estación de Monforte.

A voceira popular, Katy Varela, afirma que “a provincia de Lugo continúa sendo unha das grandes prexudicadas polas decisións do Goberno de España en materia de infraestruturas ferroviarias” e a pesar das actuacións realizadas na liña entre Ourense e Lugo, “a provincia segue sen alta velocidade e sofre unha perda continuada de servizos ferroviarios que dificulta a mobilidade dos veciños”.

Katy Varela lembra que un dos servizos máis demandados era o tren nocturno con destino Barcelona, unha conexión eliminada durante a pandemia e que, seis anos despois, continúa sen recuperarse, privando aos usuarios dunha comunicación directa non só coa cidade catalá, senón tamén con numerosas capitais do norte peninsular.

Ademais, a voceira popular pide ao Goberno central e ao alcalde Tomé que “deixen de enganar aos monfortinos” xa que “a posta en servizo dun Alvia con saída de Lugo ás 05:18 horas presentouse como unha mellora cando a realidade é que é un cambio de horario, xa que adiantaron o tren das 11:20 horas, servizo que desapareceu”.

A popular tamén alerta das dificultades que presentan os enlaces con Ourense para conectar cos servizos de alta velocidade, xa que os frecuentes atrasos impiden en numerosas ocasións realizar os transbordos con garantías, xerando importantes prexuízos para os viaxeiros.

A moción que defenderá o Grupo Municipal Popular solicita que o Ministerio de Transportes e Adif restitúan as frecuencias ferroviarias que afectan a Monforte de Lemos, con especial atención á recuperación do tren nocturno a Barcelona e do servizo Alvia do mediodía, ademais de reclamar un compromiso firme para mellorar a puntualidade dos servizos e garantir conexións fiables coa alta velocidade.

“Monforte non pode continuar perdendo oportunidades nin quedar relegado nas políticas ferroviarias do Estado. Somos unha cidade historicamente vencellada ao ferrocarril e merecemos contar cun servizo acorde ás necesidades de mobilidade dos nosos veciños”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios