O deputado do BNG afirmou no pleno que o Goberno do Estado “debe apoiar a descolonización do Sáhara e o recoñecemento da República Árabe Saharaui Democrática”.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, subiu esta mañá á tribuna do Pleno do Congreso para manifestar o apoio do BNG ao ditame da proposición de lei de concesión de nacionalidade española ás persoas saharauis e para deixar clara a posición do BNG sobre o Sáhara libre.
Rego sinalou que a proposición de lei “é un acto de xustiza e de reparación necesario mais insuficiente porque hai unha responsabilidade histórica do Estado español na entrega do Sáhara a Marrocos”, criticando o acordo tripartito de Madrid “vergoñento”. “Hoxe dase un paso simbólico moi importante mais non substitúe a responsabilidade do Estado español na actual situación de opresión marroquina do Sáhara Occidental”, afirmou.
Volver ao proceso de descolonización do Sáhara e ao recoñecemento da República saharaui
Rego lembrou que o Estado español “ten unha responsabilidade por non proceder á descolonización e posibilitar que houbese un Estado saharaui libre e democrático. Polo tanto, 50 anos despois o pobo saharaui ten que seguir loitanto pola súa liberdade”.
Apelou ao Goberno a rectificar o apoio que deu ás pretensións marroquinas e que volte á senda do dereito internacional e ao recoñecemento da República Árabe Saharaui Democrática, o que permitiría avanzar para a plena descolonización e para ver canto antes unha República saharaui recoñecida internacionalmente e que o pobo saharaui poida vivir en paz e liberdade no seu territorio.
Finalizou deixando claro que o BNG “continuará apoiando un Sáhara libre”. E aproveitou para enviar un saúdo solidario aos representantes do pobo saharaui que estaban na tribuna “en nome do BNG e atrévome a dicir que tamén en nome do pobo galego que sempre foi absolutamente solidario co Sáhara e coa súa loita pola independencia”.