O portavoz de memoria histórica do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará, denunciou hoxe a existencia de “importantes eivas” nas recentes resolucións do Goberno central que declaran lugares de memoria democrática ás illas de San Simón e San Antón e ao Pazo de Meirás. A pesar de considerar a medida como un paso adiante, o Bloque advirte dun risco real de “devaluar e diluír” o significado represivo de ambos os dous enclaves.
Bará censurou especialmente o “cambiazo” na denominación oficial do expediente, que pasou de Pazo de Meirás a simplemente Meirás. Para o deputado nacionalista, a modificación “non é casual” e pretende desprazar o foco da represión e da loita antifranquista para outorgarlle protagonismo á figura de Emilia Pardo Bazán, sen vinculación coa memoria democrática.
No tocante ás illas de San Simón e San Antón, o BNG alertou de que a falta de medidas de protección claras permitirá á Xunta seguir utilizando o espazo “como un parque temático”, acollendo actividades privadas ou de ocio que atentan contra a memoria dos represaliados.
Ante esta situación, a formación nacionalista exixe a aprobación dún plan de usos estricto, a transferencia da xestión dos espazos a Galicia e a creación dún comité asesor no que participen activamente as familias das vítimas e as entidades memorialistas.