Antas de Ulla viviu hoxe unha xornada emotiva e histórica coa homenaxe tributada a Teresa Batán Buján con motivo da súa xubilación como bibliotecaria municipal. O acto culminou co maior recoñecemento institucional do municipio: ligar o seu nome para sempre á Casa da Cultura local.
A iniciativa partiu do Instituto de Estudos Ulloáns e contou co respaldo de entidades clave do tecido cultural local, como a Escola Banda de Música de Antas de Ulla, a Coral Polifónica Sons do Farelo, a Asociación Cultural Fiadeira e o Grupo de Teatro de Antas de Ulla.
A alcaldesa, Pilar García Porto, promoveu a tramitación institucional da proposta, que se formalizou hoxe nun pleno extraordinario no que se aprobou a denominación oficial de «Casa da Cultura Teresa Batán Buján». A iniciativa saíu adiante co voto favorable do Goberno municipal e co voto a título persoal dún dos concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular, cuxos demais integrantes non asistiron á sesión.


Unha homenaxe arroupada pola cultura galega
Tras o pleno, celebrouse o acto institucional no que participaron familiares, veciños e destacadas personalidades do ámbito cultural, como Francisco Pardo (presidente do Instituto de Estudos Ulloáns), Isabel Pérez Forniñas (directora da Biblioteca Pública de Lugo) e Águeda Balín Armas (xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia).
O momento central da xornada vivíuse co descubrimento da placa comemorativa por parte da propia homenaxeada. Durante a súa intervención, a alcaldesa Pilar García Porto destacou que este paso supón “un acto de xustiza e gratitude cunha muller que dedicou a súa vida a facer da biblioteca un espazo vivo, aberto e próximo para xeracións de veciñanza”.