A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA,) presentou alegacións no procedemento de avaliación ambiental dos proxectos de almacenamento de enerxía mediante baterías GRX Belesar I e GRX Belesar II, previstos no lugar de Pesqueiras, no concello de Chantada, e reclama que, se a súa tramitación continúa, ambas as instalacións sexan sometidas a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria.
ADEGA lembra que xa participou anteriormente na tramitación destes proxectos, reclamando que, como mínimo, fosen sometidos a unha avaliación ambiental simplificada. Esta petición foi finalmente asumida pola Administración, que iniciou o actual procedemento de avaliación ambiental simplificada, aberto a consultas desde o pasado mes de agosto.
Agora, á vista da documentación incorporada ao procedemento e do conxunto de proxectos enerxéticos previstos na zona, ADEGA considera que existen elementos suficientes para concluír que non pode descartarse a existencia de efectos significativos sobre o medio ambiente, polo que o nivel de avaliación debe ser elevado ao procedemento ordinario.
ADEGA reclama unha avaliación ambiental que teña en conta o impacto do conxunto
ADEGA insiste en que a avaliación fragmentada destes proxectos non responde á realidade do territorio: Belesar I e Belesar II deben entenderse como unha soa actuación, cunha potencia conxunta de 96,52 MW, 772,14 MWh de almacenamento e unha ampla rede de infraestruturas de evacuación compartidas que conflúen nun mesmo nó enerxético.
A isto súmase a súa localización na área de amortecemento da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra e a proximidade a unha zona húmida vinculada ás nacentes do río de Tarrío, cuxos posibles impactos –incluídos os riscos de contaminación e incendio nos contedores de baterías– deben ser analizados en profundidade.
Por todo isto, ADEGA solicita que non se autorice a continuidade dos proxectos mentres non se descarten os seus impactos ambientais e que GRX Belesar I e GRX Belesar II sexan sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria, tendo en conta o conxunto de infraestruturas enerxéticas e os seus efectos acumulativos.
A transición enerxética non pode construírse á marxe da protección do territorio nin mediante a fragmentación de proxectos que, ambientalmente, forman parte dunha mesma transformación territorial.