O cinema galego consolídase no Reino Unido na nova edicición do London Spanish Film Festival

O London Spanish Film Festival acollerá unha nova edición desta sección organizada polo Galician Film Forum que incluirá a estrea británica de As liñas descontinuas, a proxección de Rondallas e cinco recentes curtametraxes.

O cinema galego volverá ter unha presenza destacada no XXII London Spanish Film Festival (LSFF) coa cuarta edición de Letters from Galicia, unha sección organizada polo Galician Film Forum (GFF) que achega ao público británico unha selección da creación audiovisual galega recente. A programación desenvolverase entre os días 18 e 21 de setembro en diferentes espazos de Londres e incluirá a proxección da longametraxe Rondallas, unha sesión dedicada á curtametraxe galega contemporánea e a presentación de As liñas descontinuas.

Letters from Galicia está organizada polo Galician Film Forum e conta co financiamento derivado da colaboración establecida entre o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, no marco de Xacobeo 2027. A iniciativa conta, ademais, co apoio de Abanca.

A sección abrirase o venres 18 de setembro ás 20:30 horas (UK) en Riverside Studios, coa proxección de Rondallas. A película, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo e protagonizada, entre outros, por Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas, sitúase nunha pequena vila mariñeira galega marcada polo naufraxio dun pesqueiro e narra o proceso polo que a comunidade recupera a súa rondalla como espazo de encontro, ilusión e esperanza. A longametraxe combina comedia e drama arredor da capacidade dunha comunidade para sobrepoñerse á perda.

Cinco curtametraxes galegas

domingo 20 de setembro ás 15:50 horas (UK), no Ciné Lumière II, terá lugar a sesión Short Letters from Galicia, dedicada á curtametraxe galega. A programación reúne cinco obras recentes que ofrecen unha panorámica da diversidade temática, estética e autoral do audiovisual galego contemporáneo: As maos da pulpeira (2025), de Silvia CachafeiroAlboroque (2025), de Sabrina FernándezEscala un cincuenta mil (2026), de Ángel SuanzesO corpo de Cristo (2025), de Bea Lema; e Cara de cona (2026), de Guillermo de Oliveira.

Esta selección de curtas dá continuidade ao labor do Letters from Galicia como espazo de exhibición internacional para novas voces e para unha cinematografía galega que nos últimos anos está a ampliar a súa presenza en festivais e circuítos internacionais.

As liñas descontinuas, con coloquio coa protagonista Mara Sánchez

A programación galega no London Spanish Film Festival pecharase o luns 21 de setembro ás 18:15 horas (UK), no Ciné Lumière I, con As liñas descontinuas (2025), de Anxos Fazáns. A película, protagonizada por Mara Sánchez, Adam Prieto, Ana Fornéas e Mónica García Cadahía, terá a súa estrea no Reino Unido e, ao remate da proxección, o público poderá participar nun coloquio con Mara Sánchez, actriz protagonista, moderado por Adriana Páramo, responsable do GFF.

Esta nova edición de Letters from Galicia consolida así a colaboración entre o Galician Film Forum e o London Spanish Film Festival, creando un espazo estable para a difusión internacional do audiovisual galego e para o encontro entre profesionais, creadoras e creadores e público británico.

Sobre o Galician Film Forum

En 2015 un colectivo de galegos residentes en Londres puxo en marcha o Galician Film Forum (GFF), coa intención de promover e visibilizar o cinema galego na capital do Reino Unido. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega.

4TH LETTERS FROM GALICIA | PROGRAMACIÓN

Rondallas de Daniel Sánchez Arévalo

Venres 18 setembro | 20:30 h | Riverside Studios

Entradas: https://riversidestudios.co.uk/whats-on/ubz-band-together-rondallas/

Shorts Letters from Galicia (As maos da pulpeiraAlboroqueEscala un cincuenta milO corpo de CristoCara de cona)

Domingo 20 setembro | 15:30 h | Ciné Lumière II

Entradas: https://www.institut-francais.org.uk/cinema/shorts-from-galicia-2/#/

As liñas descontinuas de Anxos Fazáns

Domingo 21 setembro | 18:15 h | Ciné Lumière I

Coloquio coa actriz protagonista Mara Sánchez moderado por Adriana Páramo (GFF)

Entradas: https://www.institut-francais.org.uk/cinema/the-dashed-lines/#/

Comparte éste artículo
No hay comentarios