O PP de Láncara censura “o fracaso e o incumprimento” do goberno socialista cos maiores, mozos e nenos

As áreas fluviais están “abandonadas e con perigos” e, a pesar de que “o goberno local prometera parques infantís e un espazo para mozos na antiga vía do tren (para o que incluso aprobara ata en dúas ocasións recorrer a 6.000 euros do remanente de Tesourería para o seu acondicionamento), non hai nada”.

O PP de Láncara condena “o fracaso das políticas do goberno local” e o “incumprimento do PSOE” cos maiores, os mozos e os nenos.

“A pesar de que tanto o alcalde coma a concelleira de Cultura cobran do Concello, dos cartos de todos; nada fan para os maiores. E tampouco para mozos e nenos. Só a festa dos maiores, a festa da xuventude e a festa da escuma”, explica a portavoz, Olga Capón.

“Tres anos despois de prometer un espazo para os mozos e mozas, levouse dúas veces a Pleno sacar do remanente de Tesourería 6.000 euros para acondicionar un caseto na vía do tren na Pobra de San Xiao destina a espazo para a xuventude, pero non se fixo”, apunta. A portavoz popular censura que “os mozos e mozas non dispoñan de ningún espazo de xuntanza” e “á vista de que as praias fluviais non teñen piscina nin están acondicionadas, os rapaces e rapazas do municipio optan por ir a Baralla, O Corgo ou Sarria”. E como o Camiño Real, a pesar de dispoñer dun espazo incrible á beira do río Neira desde Carracedo a Bande, está sen rozar; tampouco poden aproveitar este espazo natural para andar en bicicleta”. É dicir, “non teñen alternativas no municipio”.

Capón explica que “tampouco se crearon os novos parques infantís prometidos, non houbo actividades previstas para os nenos e nenas na praza dos Labregos este verán, nin contemplaron xestionar postos de bebidas ou xeados nas inmediacións das áreas fluviais da Pobra de San Xiao ou de Láncara que, por outra banda, se atopan nun estado que dá pena e, incluso, con perigos”, censura. Así mesmo, asegura que “a área de Marzán ou outros espazos ás beiras de ríos máis pequenos que poderían dar servizo aos veciños están abandonados ao longo de todo o ano”.

SAF

Os populares advirten tamén do “incumprimento do programa electoral dos socialistas” sobre a mellora do SAF. Capón explica que “as auxiliares levaban tempo reclamando cobrar o quilómetro segundo o establecido por convenio e non foi ata que o PP levou ao Pleno, o pasado mes de marzo, a situación do servizo que todas comezaran a percibir o que lles correspondía”. De feito, o contrato asinado entre o Concello e a empresa en setembro do ano pasado recollía que só 8 auxiliares cobraría a 0,26 por quilómetro, mentres que as demais continuarían por debaixo do convenio”. 

A popular advirte tamén que “outra vez chegaron as vacacións e os nosos maiores teñen recortadas as horas de servizo e as auxiliares teñen que cubrir as vacacións e facer máis quilómetros”. O Informe de Amigabilidade xa advertía da falta de auxiliares e “parece que non aprendemos nada porque o servizo segue estando en vacacións moi deficiente”.

INFORME SOBRE AMIGABILIDADE COS MAIORES

Os populares lembran que o Informe sobre Amigabilidade cos maiores en Láncara recolle problemas de mobilidade, de conectividade e de escaseza de persoal de axuda no fogar “sen que o goberno local teña movido un dedo para mellorar esta situación”, subliñan. De feito, a portavoz ten preguntado nun Pleno a Alba Sangil (a concelleira responsable de levar a cabo as recomendacións do Informe de Amigabilidade cos maiores que supuxo un gasto de 7.200 euros) polas actuacións previstas, pero confirmou que non había nada”.

Capón tamén considera “curioso” que, entre as fortalezas se subliñe o papel da comunidade, dos pequenos comercios e das asociacións veciñais. É dicir, “todo o que non depende do Concello”.

Por outra banda, incide en que os resultados dese estudo, que forma parte dun proxecto sobre comunidades amigables coas persoas maiores en áreas rurais que ten anunciado o goberno local como novidoso, “dannos a razón ao Partido Popular” toda vez que contempla propostas “que xa tiñamos avanzando” como é fomentar a socialización nas parroquias que “non se está a facer”. Así, pon como exemplo que “o Concello non ofrece actividades accesibles para os maiores con dificultades para a súa mobilidade”.

Olga Capón tamén bota en falta “opcións para facilitar o transporte ás persoas maiores que viven nalgunhas parroquias do rural e que teñen que depender doutras persoas (ou coller o autobús naquelas zonas por onde hai servizo) para poder desprazarse ao centro urbano para facer as súas xestións”. Así, afea que “non hai nada para o transporte de maiores que non teñen quen os acompañe ao centro médico, pero si para que o alcalde se transporte no coche do Concello para os seus asuntos persoais ou irse de vacacións”.

Os populares tamén teñen proposto, dentro dun plan de desbroce das marxes de todas as estradas municipais, a limpeza e acondicionamento de espazos públicos nas parroquias para a xuntanza e descanso durante o paseo dos maiores. Nalgunhas parroquias dispoñen, por exemplo, de marquesiñas ou bancos que están abandonados igual que varias escolas rurais coma a de Vilouzán.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios